O Consello Científico do CEER acorda elaborar un novo programa de actividades destinadas a impulsar as relacións eurorrexionais universitarias
O pasado día 22 de febreiro, reuniuse na Universidade de Vigo o Consello Científico da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal (CEER). Esta xuntanza contou co presenza de profesores de recoñecido prestixios das seis universidades membros desta fundación, a Universidade de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Minho, Porto e Tras-os-Montes e Alto Douro.
Este consello está composto por dous representantes de cada unha das seis universidades, formando parte desta lista os profesores Melchor Fernández e Xosé López García, da Universidade de Santiago de Compostela; Andrés Faíña e Fernando González Laxe da Universidade da Coruña; Luís Domínguez ( presidente do Consello Científico) e Xoán Bouzada, na actualidade substituído por Gonzalo Méndez, os tres profesores da Universidade de Vigo; José Alberto Rio Fernández e Fernando Noronha da Universidade de Porto; Miguel Sopas de Melo Bandeira (secretario xeral do CEER) e María Cristina Moreira, da Universidade de Minho; e Artur Cristovaao e Alberto Baptista da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro. Tamén forman parte deste consello o señor Xaquín Leiceaga, representante do Eixo Atlántico, e o profesor Carlos Ferrás Sexto, director da Fundación CEER.
A celebración desta reunión científica celebrada no marco do proxecto Campus Rede InterregIIIA financiado pola Unión Europea e executado polo CEER, tivo como obxectivo a posta en común do traballo desenvolto pola fundación nas seis universidades, a valoración de posibles carencias e a elaboración dun programa de actividades coa definición das liñas estratéxicas a seguir. Destacou, entre outras a necesidade de traballar na definición dunha Eurorrexión do Coñecemento entre Galicia e o Norte de Portugal, que poida impulsar a creación de redes de investigadores e profesores en temáticas de desenvolvemento rexional e socioeconómico.
Tamén foi valorado como necesario potenciar as relación eurorrexionais coa organización dun congreso anual universitario que sirva de foro de debate e punto de encontro entre as comunidades universitarias. A mobilidade a través da concreción dun programa Sócrates eurorrexional que permita intercambios fluídos de alumnos e profesores, o desenvolvemento dun programa de posgrao oficial conxunto en socioeconomía e desenvolvemento eurorrexional e o impulso da Revista Estudios Eurroexionais xestionada conxuntamente polas 6 universidades públicas da Eurorrexión.