Oficina CEER
 03-05-2010
A COMPAÑÍA TEATRO UNIVERSITARIO DO PORTO GAÑA O PREMIO CARLOS COUCEIRO DA MITEU

O grupo presentou na mostra a obra "Alan", baseada no universo de Thomas Alan Waits.

O premio do público foi para a Aula Universitaria de Santiago por "As Cuñadas".

O grupo Teatro Universitario do Porto (TUP) recibiu o Premio Carlos Couceiro desta décimo quinta edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) grazas ao seu espectáculo Alan, unha obra baseada no universo,“nas súas músicas, as súas palabras e, sobre todo, os seus personaxes”, segundo explican os integrantes da compañía, "do pianista, cantante, compositor e actor estadounidense Thomas Alan Waits". No acto de entrega de premios e clausura da mostra, desenvolvido no Teatro Principal da cidade, o presidente da compañía, Gonçalo Gregório e os actores Nuno Matos e Daniel Viana amosaron a súa alegría polo galardón “porque isto é o máis preto que imos estar dos Óscar”, afirmaron. Os dramaturgos revelaron a dificultade de facer teatro universitario en Porto “porque hai moi poucos apoios e grandes obstáculos” e sinalaron tamén que a obra que trouxeron á MITEU “é o resultado de catro meses de intenso traballo con moi poucos recursos. Tivemos que empregar unha boa dose de amor, paciencia e sacrificio para presentala ao público e traela a este festival polo que este é o momento máis alto da nosa compañía”, afirmaron. O Premio do Público foi para a Aula Universitaria de Santiago que presentou na mostra a obra As Cuñadas, orixinal de M. Tremblay e baixo a dirección do dramaturgo Roberto Salgueiro. O premio recolleuno Elvira Fidalgo, vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago, que subliñou na súa intervención o traballo desenvolvido por Roberto Salgueiro neste proxecto.

Mencións especiais para Alicante e Coimbra.
O xurado do certame acordou así mesmo conceder dúas mencións especiais. A primeira delas foi para a Aula Universitaria de Alicante pola peza Sólo un pequeño aumento, un xogo teatral escrito e dirixido por Juan Luis Mira a partir da obra orixinal O Aumento, de G. Perec. O segundo recoñecemento especial recibiuno o grupo Citac (Círculo de Iniciación Teatral da Academia de Coimbra) polo espectáculo The Hypnos Club, unha creación colectiva da propia compañía. Finalmente, o Premio de Honra da MITEU foi para o director da Casa da Xuventude, Benito Losada, “pola súa incansable labor como dinamizador cultural da cidade” segundo as palabras do director da mostra, Fernando Dacosta. Benito Losada amosouse “encantado” de recibir un galardón que fixo extensivo a todo o persoal da Casa da Xuventude “pola que pasaron ao longo de todos estes anos unha boa morea de grupos, ensaios e novas iniciativas teatrais”.

Odisea espacial cos actores e actrices de Maricastaña.
O acto de clausura e entrega de premios desta décimo quinta edición da MITEU completouse coa actuación de Maricastaña, o terceiro nivel da aula de teatro universitaria de Ourense, que presentou en escena o seu espectáculo Odisea espacial baixo a dirección de Fernando Dacosta. A peza é a primeira incursión da compañía na ciencia ficción adaptando esta obra de Arthur C. Clark, autor do que Kubrick levou á gran pantalla 2001 Odisea do espazo. A obra supón unha viaxe no tempo na procura do orixe da vida e faino a través de tres momentos do universo que obrigan aos actores a pasar de homínidos a astronautas. A través de proxeccións de imaxes e apoiándose nunha musicalidade que acada case un papel protagonista, Odisea espacial salta da terra hai millóns de anos a unha estación lunar e posteriormente a unha nave que se dirixe a Xúpiter. Durante os 85 minutos que durou a representación os actores desenvolveron o seu traballo ata a extenuación, foron monos no gran val tres millóns de anos atrás, astronautas que dentro dos seus traxes espaciais xogan en gravidade cero e, unha vez máis, volven ser astronautas nunha viaxe de catro anos ida e volta a Xúpiter. Ao longo destes tres actos, aos que hai que engadir un prólogo e un epílogo, os compoñentes de Maricastaña reflexionan sobre a inmensidade do universo e o que representa a nosa existencia nese cosmos pero, sobre todo, afondan na busca do orixe da intelixencia, das diferentes civilizacións.

Fonte: http://duvi.uvigo.es