O CENTRO DE INVESTIGACIÓN EN QUÍMICA BIOLÓXICA E MATERIAIS MOLECULARES ABRIU AS SÚAS PORTAS
Integrado na rede de Centro Singulares de Campus Vida, 35 investigadores principais serán os primeiros en ocupar as instalacións.
A rede de centros singulares encradados no Campus de Excelencia Internacional da USC comeza a tomar corpo coa inauguración este venres do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares. Pero tal e como sinalou esta mañá o reitor compostelán, o máis valioso do centro inaugurado “non se verá hoxe como parte do edificio, porque o máis importante son as persoas”. En total 35 investigadores principais cuxo traballo vai permitir á investigación feita na USC dar un salto cualitativo, “permitiranos ascender de división, aínda que como institución investigadora xa nos atopemos en niveis de liderado”.
O reitor, que estivo acompañado no acto inaugural polo alcalde Xosé Sanchez Bugallo e polo Nobel de Química en 1996, Harold W. Kroto, subliñou que a posta en funcionamento desta nova infraestrutura “simboliza a inauguración dunha nova universidade, con novas formas” froito, na súa opinión, “dun cambio que leva tempo xestándose e que continuará mudando o rostro da Universidade nos vindeiros anos”.
Unha comisión de expertos internacionais e unha comisión interna da USC realizaron a selección de persoal en función da súa adecuación ás liñas temáticas do centro. Como resultado, os investigadores que forman parte do Centro son referentes a nivel nacional e internacional nos seus ámbitos de traballo.
Así, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares comeza a funcionar con máis de 35 investigadores aínda que a cifra total de persoas que atoparán acubillo neste centro elevarase no futuro inmediato a máis de douscentos especialistas. Este espazo é unha das seis infraestruturas que constitúen a Rede de Centros Singulares de Investigación do Campus de Excelencia Internacional – Campus Vida.
“Coa posta en marcha deste Centro, a Universidade de Santiago continúa afondando na excelencia, na captación de talento e na aposta pola internacionalización”, indicou Senén Barro, para quen “unha vez asumida a influencia da excelencia, xa non hai volta atrás”. Neste Centro Singular desenvolverase un novo modelo de investigación, baseado na planificación estratéxica e no cumprimento de obxectivos.
Trátase dun modelo de investigación orientado a obter resultados innovadores que beneficien a toda a sociedade. “A Universidade ten que ter claro que os seus recursos son limitados, polo que hai que ofrecer o máximo retorno á sociedade”, subliñou o reitor neste senso a modo de compromiso.
Na súa intervención, o alcalde compostelán lembrou que “a cidade non sería o que é sen a súa universidade” polo que “o éxito ou fracaso da USC o será tamén de Santiago e, por extensión de Galicia”. Bugallo tamén subliñou como un dos éxitos da xestión realizada por Senén Barro neste anos de mandato a capacidade de ser singular nun entorno cada día máis global, materializada na consecuencia do Campus de Excelencia para Campus Vida.
Capacidade para 220 investigadores.
O Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares ten unha zona edificada de 5.900 m², nos que se distribúen 22 laboratorios de investigación e 6 laboratorios de apoio á investigación e instrumentación. A súa capacidade permitirá que, neste espazo, poidan investigar máis de 220 investigadores.
O edificio foi proxectado polo arquitecto José Luis Pereiro Alonso e conta cunha inversión de 11 millóns de euros financiados polo MEC (convocatorias FEDER), a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de I+D+i, e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Como solución innovadora o centro conta cun sistema de contención enerxética mediante vitrinas que teñen caudales optimizados e recuperadores de calor na instalación de climatización do edificio.
Rede de Centros Singulares de Investigación.
A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC está constituída por Centros dotados de coherencia temática e dun modelo organizativo e de xestión homologable ao que se pode atopar en centros de investigación de referencia no ámbito nacional e internacional. Esta foi unha das claves que permitiu á USC acadar o maior recoñecemento a nivel nacional no apartado de investigación e transferencia, constituíndo un dos grandes eixos do Campus de Excelencia Internacional – Campus Vida.
Xunto co Centro inaugurado esta mañá, a Rede está formada polo Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información, o Centro de Investigación en Física, o Centro de Investigación en Ciencias e Tecnoloxías da Vida, e un Centro de apoio en Biomedicina Experimental.
Acto académico.
Previamente a este acto, e aproveitando a visita do Nobel Harold W. Kroto para participar no Programa ConCiencia, tivo lugar unha sesión académica na Facultade de Química á que, entre outros, asistiron a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, e o decano do centro, Ramón Estévez.
Neste acto académico interviñeron con sendas conferencias o director do Instituto Catalán de Investigación Química, Miquel A. Pericàs, e o propio Harold W. Kroto.
Fonte: http://www.usc.es