Oficina CEER
 31-05-2010
CAMPUS DO MAR PRESÉNTASE EN SOCIEDADE COMO UN PROXECTO QUE PERMITE XESTIONAR O PRESENTE E SOÑAR CO FUTURO

O proxecto será remitido ao Ministerio de Educación o vindeiro luns.

Representantes do agrupamento de I+D e dos sectores económicos e sociais participaron no acto.

O vindeiro luns 31 de maio e a través dunha aplicación telemática a Universidade de Vigo remitirá ao Ministerio de Educación o proxecto de Campus do Mar. A iniciativa coa que a institución concorrerá á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional permitirá aglutinar intereses investigadores, docentes, económicos e sociais para crear un ecosistema do coñecemento no ámbito mariño no noroeste peninsular que contará co traballo conxunto de máis de 2700 investigadores e investigadoras, así como tecnólogos, procedentes de 22 institucións e con 1245 doutores e doutoras que abarcarán todos os ámbitos do coñecemento relacionados co mar. O proxecto do que o reitor en funcións da Universidade de Vigo, Alberto Gago, destacou a súa complexidade ao tratarse “dun agrupamento específico diferenciado nun tema cun elevado volume de recursos humanos”, foi presentado en sociedade este xoves na sala I do Edificio Miralles nun acto que contou cunha ampla representación dos membros do agrupamento de I+D e dos sectores económicos e sociais implicados. Pola súa banda o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández referiuse a Campus do Mar como “un proxecto que nos permite xestionar o presente e soñar co futuro”. Trala súa presentación transcorrerá un mes antes de que se coñeza a decisión do Ministerio e a comisión de avaliación que previsiblemente elixirá 20 dun total de 50 propostas. Os proxectos seleccionados disporán ata finais de setembro para preparar unha proposta máis detallada que será avaliada por una comisión internacional que dará a coñecer a que proxectos se lle asigna a mención de Campus de Excelencia Internacional a finais dese mes ou principios de outubro.

Unha decisión estratéxica.
Nacido da aspiración das universidades galegas e as portuguesas de Minho, Porto, Aveiro e Tras os Montes-Alto Douro e dos centros de investigación e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, de desenvolver un Campus de Excelencia Internacional no ámbito das ciencias e tecnoloxías do mar, Campus do Mar foi articulado coa misión, segundo sinalou Alberto Gago “de nuclear todas as iniciativas que existentes en diferentes ámbitos relacionados co mar en Galicia, cunha visión moi aberta cara a Europa, América Latina e África”. Cun concepto claramente multidisciplinar e policéntrico, no que destaca o seu carácter transfronteirizo, o proxecto coordinado pola Universidade de Vigo, busca unha agregación de I+D de excelencia que suma máis de 9000 traballos publicados, 550 teses de doutoramento presentadas, máis de 6000 proxectos e máis de 250 millóns de euros en contratos de investigación, nos últimos cinco anos. Datos que poñen de manifesto o potencial dun proxecto que segundo o reitor en funcións, Alberto Gago, “non existe en Europa, onde hai centros de investigación potentes, pero non un agrupamento destas características”. Gago que puxo o acento na idea de agrupamento que “é decisiva e funcionou”, dixo, tamén destacou a puxanza dos sectores económicos vinculados ao mar que manifestaron o seu apoio ao proxecto e que “non teñen nin Cádiz, nin Las Palmas”, as outras dúas universidades que como Vigo aspiran a excelencia con propostas centradas no mar.

Excelencia investigadora e docente ao servizo da sociedade.
Biotecnoloxía mariña; ciencias do mar; tecnoloxía, calidade e seguridade dos alimentos de orixe mariña; tecnoloxías da información e da comunicación no medio mariño; saúde e mar; enxeñaría aplicada ao medio mariño e ciencias económicas, xurídico-sociais e humanidades, son as sete grandes áreas temáticas de especialización arredor das que se articula o Campus do Mar que se estrutura, segundo explicou o comisionado, Emilio Fernández, en tres áreas: excelencia investigadora e transferencia; excelencia docente e internacionalización e transformación dos campus. Cun proxecto de investigación organizado en catro clusters de I+D (observación dos océanos e cambio global; uso sostible dos recursos mariños; xestión integral da zona costeira e competitividade), Campus do Mar contempla, segundo confirmou o comisionado Emilio Fernández, tres novas liñas emerxentes de investigación “que permitirán situar ao noroeste peninsular na vangarda da investigación mariña do século XXI”: análise e modelización de Sistemas Complexos; tecnoloxías ómicas aplicadas ao medio mariño e enerxía de orixe mariña. Fernández tamén destacou na área de investigación o Programa de captación de talento enfocado á incorporación de máis dun millar de investigadores e investigadoras de excelencia nas categorías sénior, postdoutoral, así como tecnólogos e estudantes de doutoramento no período 2011-2015. A conexión cos sectores económicos a través dun programa e o fomento da cultura emprendedora a través do programa Sea Emprende, foron as actuacións salientadas polo comisionado do Campus do Mar en relación coa transferencia. En canto ás áreas de docencia e internacionalización, Emilio Fernández destacou por unha banda a creación da Escola Internacional de Posgrao moi centrada na atracción de talento procedente de América Latina e cun forte compromiso de cooperación para o desenvolvemento de África e por outra a creación cun programa que aspira a que en 2015 “polo menos o 30% do seu alumnado proveña de países distintos a España e Portugal”.
Xa por último en relación coa transformación dos campus o comisionado do Campus de Mar destacou a sustentabilidade, a mellora da calidade de vida, as infraestruturas e a cultura científica e tecnolóxica, como os grandes obxectivos desta área que se insire nun proxecto que Fernández lembrou que é froito do traballo e das achegas de centros de persoas e que asegurou “permítenos xestionar o presente e soñar co futuro”.

A ETEA referente espacial do proxecto.
Na súa presentación que antecedeu á proxección dun vídeo no que se resumen as ideas máis destacadas do proxecto, Emilio Férnandez, aludiu á ETEA como o referente espacial do Campus do Mar. Á Escola de Transmisión da Armada tamén se referiu o reitor en funcións Alberto Gago que lembrou o compromiso manifestado pola Xunta para poñer a disposición da Universidade os espazos necesarios para desenvolver o proxecto. “Podemos traballar sobre a ETEA”, sinalou Gago que tamén avanzou que no mes de xuño está prevista por parte da Xunta a presentación dun plan que dará paso á tramitación urbanística, ao que engadiu que “non vin un só problema que teña que ver coa presenza do Campus do Mar na ETEA”.
Pola súa banda o Emilio Fernández confirmou que a Universidade de Vigo solicitará para o desenvolvemento do proxecto os edificios Faradai e Gravina, co obxectivo de destinar o primeiro á Escola de Posgrao e á residencia e o segundo á unidade central do campus.