Oficina CEER
 01-09-2010
A USC ANALIZA EN TRIACASTELA ESTA SEMANA OS XEITOS DE VIDA NA MONTAÑA LUGUESA DURANTE A IDADE DE XEO

Especialistas de primeira orde no Paleolítico galego presentarán esta semana en Triacastela os estudos máis recentes sobre os xeitos de vida na montaña luguesa durante a Idade de xeo. Será no curso de verán que se desenvolverá dende o 1 ao 3 de setembro no colexio público da vila baixo a dirección do catedrático de Prehistoria da USC Ramón Fábregas.

Este seminario, que conta coa colaboración do Concello de Triacastela e da Deputación Provincial de Lugo, inclúe máis dunha ducia de relatorios nos que os expertos afondarán en diversas cuestións como o estado ou a evolución da paisaxe e da fauna das serras orientais galegas dende o Paleolítico así como os hábitos e costumes dos diferentes asentamentos humanos que nelas se instalaron.

O programa de actividades complétase con visitas a algún dos principais xacementos da zona, como os da Depresión de Monforte ou a Cova de Eirós, que permitirán aos asistentes unha toma de contacto directa co pasado do lugar.

Inauguración.
A inauguración do curso terá lugar este mércores, 1 de setembro, ás 10:15 horas para dar paso deseguido ao relatorio ‘A investigación do Paleolítico en Galicia’ a cargo do profesor da Uned César Llana. A continuación intervirán o catedrático da USC Augusto Pérez Alberti cunha conferencia sobre a evolución da paisaxe cuaternaria nas Serras Orientais e Aurora Grandal, da Universidade da Coruña, sobre a fauna do Pleistoceno e, máis concretamente, os osos das cavernas en Galicia.

Medio e aproveitamento dos recursos animais durante o Pleistoceno Superior e Holoceno inicial no NW peninsular, o Paleolítico Superior no Xistral, o Cuaternario en Galicia, o marco das primeiras ocupacións da Península Ibérica, o Paleolítico antigo no norte peninsular e o da cunca media do Miño e a montaña lucense, o poboamento paleolítico na Depresión de Monforte de Lemos, as ocupacións da Cova de Valdavara, e o xacemento de Cova Eirós son o resto dos relatorios que se impartirán no curso ao longo dos tres días.

Fonte: http://xornal.usc.es