Fundación ceer - Cooperación

Fundación ceer - Cooperación

A Fundación CEER somos unha entidade sen ánimo de lucro cuxo obxectivo fundacional é o de estreitar os vínculos entre as universidades de Galicia e do Norte de Portugal, cun carácter claramente plural, integrador, dinámico e innovador no ámbito do estudo, análise e desenvolvemento no contexto da Eurorrexión.

Para acadar estes obxectivos, promovemos, entre outros, actividades, proxectos e aplicacións de programas de investigación, desenvolvemento e innovación no marco eurorrexional.

No CEER desenvolvemos preferentemente actuacións vinculadas á cooperación territorial e colaboramos estreitamente co Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N) e a Xunta de Galicia. Así como con organismos de investigación, centros tecnolóxicos, de innovación, culturais e de desenvolvemento territorial no marco da UE, España e Portugal, principalmente.

Nun contexto no que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal continúa sendo unha das rexións transfronteirizas máis activas na captación de fondos europeos, dende o CEER temos o compromiso prioritario de seguir dinamizando esta cooperación.

A través de distintos programas europeos, dende a nosa creación, no ano 2004, participamos no lanzamento e xestión de diferentes proxectos coa captación de mais de 20 millóns de euros para o financiamento de mais de 20 proxectos de cooperación.

Coa cooperación transfronteiriza eficiente gañamos todas e todos, nun clima de confianza mutua que consegue estimular os negocios e o traballo conxunto. Apostamos pola intelixencia, no traballo, no esforzo e na inclusión, contribuíndo á transferencia do coñecemento, os avances e as ferramentas xeradas no marco das universidades ao servizo da sociedade.