Investigadores da Universidade da Coruña participan en Outes na primeira declaración de dereitos dun río levada a cabo en España

Volver atrás
Investigadores da Universidade da Coruña participan en Outes na primeira declaración de dereitos dun río levada a cabo en España

Investigadores das 3 universidades públicas galegas reuniranse co CEER e a Fundación Montescola no Concello de Outes para realizar a primeira declaración de dereitos dun río

  • A “Declaración de Dereitos do río Tins” discutirase nunha asemblea pública o 15 de decembro.
  • A iniciativa forma parte do proxecto ReNatur_Outes, no que participa o Concello de Outes, as tres universidades públicas galegas e as fundacións Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (CEER) e Montescola.
  • O equipo da UDC esta liderado polo profesor Óscar Fuertes Dopico, da área de Composición Arquitectónica.

 

A Coruña, 13 de decembro de 2023.- O vindeiro venres, día 15 de decembro, celebrarase, a partir dás 17:00 horas no Centro Social da Serra de Outes, o Foro do río Tins, no marco do proxecto ReNatur_Outes, aberto ao público interesado.

O foro comezará cunha introdución, na que o equipo de proxecto fará un repaso dos eixos principais desta iniciativa de renaturalización fluvial desenvolvidos ata o momento. A continuación, celebrarase unha sesión de gobernanza, co obxectivo de consensuar coas persoas participantes unha proposta de “Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá”.

Esta é a primeira vez que desde un concello se recoñecen os dereitos dun elemento natural, dotándoo dunha carta no que se inclúen desde o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas ata o dereito á protección e conservación.

A proposta de declaración tamén recolle os compromisos da veciñanza das ribeiras do Tins, así como das súas institucións, incluíndo os de actuar en caso de calquera violación dos dereitos do río e a participar na súa conservación e mellora.

A Declaración encádrase nas experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza, establecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Xa son máis de trinta os países nos que se adoptaron instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o Buriganga en Bangladesh ou o Atrato en Colombia. O Tins será o primeiro río de España ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese o ecosistema da lagoa do Mar Menor como suxeito de dereitos.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes deu comezo no ano 2022 e conta coa participación de persoal investigador das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola, o Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal (CEER) e o apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea con fondos NextGeneration.

No caso da Universidade da Coruña, a participación está liderada polo profesor Óscar Fuertes Dopico, da área de Composición Arquitectónica, e o seu equipo, formado por Carmen Fabregat Nodar, Antonio Río, Enrique Blanco e Patricia Sabín.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental, isto último mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes ao longo de toda a vida do proxecto mediante a celebración de sesións de gobernanza.


Fonte: udc.es