A AECT da Eurorrexión GNP reúnese co Director da Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER)

Volver atrás
A AECT da Eurorrexión GNP reúnese co Director da Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER)

Xosé Lago, Secretario da AECT da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal e Subdirector Xeral de Cooperación Transfronteiriza, acompañou o Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, na visita ao novo Director da FCEER, Ángel Miramontes, na sede da fundación, en Santiago. - A Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal busca establecer sinerxías e redes de investigación para xerar espazos de coñecemento, mobilidade e transferencia de información entre as seis universidades da Eurorrexión.

Durante a reunión celebrada onte na sede da Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, en Santiago de Compostela, o seu director Ángel Miramontes analizou co Director Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, e co Secretario da AECT da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal e Subdirector Xeral de Cooperación Transfronteriza da Xunta, Xosé Lago. os 5 proxectos que esta Fundación ten aprobados dentro do Programa de Cooperación Interreg VA España-Portugal (POCTEP). Cun custo total de 8.658.265,06€, a participación da FCEER é de 714.6C88,46€. Dentro destes proxectos destaca a colaboración que teñen coa AECT da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, na cal a FCEER se encarga de facer a enquisa de satisfacción dos beneficiarios do Programa IACOBUS.

No encontro salientáronse o programa IACOBUS, que nos últimos anos mantén un grado de satisfacción alto ou moi alto en mais do 90% dos beneficiarios, e o proxecto UNISF, que lidera a Universidade do Minho e que aglutina ás universidades da Eurorrexión. Un dos obxectivos deste proxecto é fortalecer as relacións da Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para a obtención de graos/titulacións conxuntas.

A cooperación entre as universidades e as empresas constitúen áreas da Eurorrexión onde se pretende facer mais incidencia nos vindeiros anos.

A FCEER é unha fundación creada no ano 2004 para o establecemento de sinerxías e redes de investigación que permitan a xeneralización dun espazo do coñecemento, da mobilidade e da transferencia de información, e da que forman parte as seis universidades públicas que existen na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Tras os Montes, Minho e Porto.