Outes consensúa a Declaración de Dereitos do río Tins

Volver atrás
Outes consensúa a Declaración de Dereitos do río Tins

O pasado venres 15 de decembro medio cento de persoas déronse cita na Casa da Cultura de Outes para consensuar unha proposta de “Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá”

Este venres 15 de decembro medio cento de persoas déronse cita na Casa da Cultura de Outes para consensuar unha proposta de “Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá”. Trátase da primeira vez que desde un concello se busca recoñecer os dereitos dun elemento natural, como poden ser o dereito á protección e á conservación, ou a non ser danado nin contaminado, máis tamén se asumen compromisos colectivos para asegurar que estes dereitos son respectados.

As participantes, entre as que se encontraban representantes do tecido asociativo local, da comunidade educativa e veciñanza a título individual, así como do propio concello e das institucións que participan do proxecto ReNatur_Outes, discutiron cada un dos nove dereitos propostos, analizando de que xeito se están vulnerando na actualidade e que accións serían necesarias para garantir o seu cumprimentos.

As achegas propostas durante a xornada serán integradas no rascuño final da Declaración, que será levada a pleno municipal a principios do próximo ano para a súa adopción formal por parte da corporación do Concello de Outes. Deste xeito, a Declaración servirá como marco para orientar as políticas públicas relativas á xestión do espazo fluvial mais tamén como referente para iniciativas da propia sociedade civil e do tecido asociativo, educativo e empresarial do concello.

A Declaración encádrase nas experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza, estabelecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Xa son máis de 30 os países nos que se adoptaran instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia. O Tins será o primeiro río de todo o Estado ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese a lagoa do Mar Menor como un ecosistema como suxeito de dereitos.

Por outra parte, a xornada tamén serviu para que as distintas entidades que participan do proxecto presentasen ante a veciñanza o traballo feito durante os últimos doce meses así como as previsións para o próximo ano. Logo da presentación por parte do Alcalde de Outes, Manuel González, interviron representantes da Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Fundación CEER e Fundación Montescola, dando conta dos avances en cada eixo do proxecto.

Liderado polo Concello de OutesRenatur_Outes conta coa participación de persoas investigadoras das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental, isto último mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes ao longo de toda a vida do proxecto mediante a celebración de sesións de gobernanza. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, senón tamén xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto para manter vivo o seu legado.

 

Fonte: renatur.outes.gal