As brigadas deseucaliptizadoras dan un novo salto a Portugal

Volver atrás
As brigadas deseucaliptizadoras dan un novo salto a Portugal

Entre os días 28 de abril e 1 de maio terá lugar no Parque Natural da Serra da Estrela, en Portugal, un acampamento transfronteirizo organizado desde o proxecto europeo Erasmus+ “Vemo-nos no monte!”. Durante tres días, máis de medio cento de participantes de distintos puntos de Galicia e Portugal participarán en accións prácticas de eliminación de especies exóticas invasoras, sesións de formación e debate e un foro de iniciativas cívicas na zona cero dos incendios que afectaron o centro de Portugal o verán pasado.

Organizan acampada transfronteiriza no Parque Natural da Serra da Estrela para atallar o problema das especies exóticas invasoras con accións de voluntariado e de formación.

Entre os días 28 de abril e 1 de maio terá lugar no Parque Natural da Serra da Estrela, en Portugal, un acampamento transfronteirizo organizado desde o proxecto europeo Erasmus+ “Vemo-nos no monte!”. Durante tres días, máis de medio cento de participantes de distintos puntos de Galicia e Portugal participarán en accións prácticas de eliminación de especies exóticas invasoras, sesións de formación e debate e un foro de iniciativas cívicas na zona cero dos incendios que afectaron o centro de Portugal o verán pasado.

O fin de semana de actividades, que terá a súa base en Figueiró da Serra, no concello de Gouveia, dará continuidade ao anterior encontro transfronteirizo celebrado o pasado mes de febreiro a ambos os dous lados da fronteira no Xerés/Gerês, e ás accións organizadas o ano pasado en terras galegas e portuguesas. Trátase dun proxecto que impulsan, do lado galego, a Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia e Norte de Portugal) como coordinador, a Fundación Montescola e Verdegaia, e do lado portugués, a iniciativa cultural À escuta e recentemente a associação Veredas da Estrela. O proxecto ‘Vemo-nos no Monte!’ céntrase na aprendizaxe de persoas adultas basada no traballo práctico (learning by doing) buscando xerar unha maior capacitación na xestión de especies exóticas invasoras, con énfase nas especies de acacia. O control das acacias e outras invasoras supón un grande problema, con repercusións multimillonarias para as Administracións e graves impactos sobre a biodiversidade, a integridade dos ecosistemas e riscos para as poboacións afectadas.

Trátase dunha iniciativa de 18 meses de duración financiada polo programa Erasmus+ na convocatoria 2021-22 (acción KA2) que busca fomentar a cooperación entre organizacións e institucións de distintos países. Erasmus+ 2021-2027 é o programa da Unión Europea para apoiar a educación, a formación, a xuventude e o deporte na Europa.

CONTACTOS:
• Joám Evans Pim (Montescola/Verdegaia; email: info@montescola.org)
• Beatriz Noya Mariño (Fundación CEER; e-mail: corunatec@fceer.org)