Celebrada a reunión de lanzamento do proxecto CAPRIF-CC

Volver atrás
Celebrada a reunión de lanzamento do proxecto CAPRIF-CC

Celebrada a reunión de lanzamento do proxecto CAPRIF- CC:  “COMUNIDADES ACTIVAS Y PAISAJES RESILIENTES A INCENDIOS FORESTALES Y CAMBIO CLIMÁTICO”

 Onte, luns 26 de febreiro, celebrouse na sede da Fundación Juana de Vega (FJdV) en Oleiros, o acto de lanzamento do proxecto CAPRIF-CC; este proxecto traballará durante case dous anos en prol da activación económica de zonas rurais do noroeste (NO) da Península Ibérica (Galicia e Asturias), para a dinamización laboral no ámbito forestal e nos usos multifuncionais do monte.

Na reunión, debatíronse os detalles de cada atividade proposta, que revertirán en melloras no medio rural. Os fitos do proxecto serán:

A conservación de ecosistemas forestales biodiversos, resilientes e adaptados ao cambio climático mediante prácticas de selvicultura próximas á natureza e prácticas de restauración adaptativa nun entorno de co-creación participativo.

O impulso de modelos de planificación e xestión forestal innovadores que incorporen os obxectivos de adaptación ao cambio climático e de fomento da biodiversidade.

O fomento da cohesión social e a gobernanza participativa na xestión forestal sostible e a conservación da natureza, promovendo a constitución dunha Rede que facilite o intercambio e a replicabilidade de experiencias exitosas no incremento da calidade de vida e a xeración de riqueza para as poboacións locais.

A implementación de modelos de economía verde e actividades xeradoras de externalidades positivas relacionadas coa xestión forestal sostible a través de inversións privadas que consideren a valoración económica dos servicios ecosistémicos e sistemas de pago que viabilicen a xestión e a restauración forestal activa cun enfoque de biodiversidade, auga e prevención de incendios.

Para acadar os obxectivos anteriores, e para promover un aproveitamento multifuncional e sostible, o proxecto CAPRIF-CC persegue a implicación dos axentes de toda a cadea de valor forestal, e fomentará especialmente aqueles aproveitamentos que xeren unha maior e mellor protección do territorio tanto fronte a incendios forestais, como resilencia fronte ao cambio climático.

A creación dunha rede de ‘Living-Labs’ de innovación aberta, a identificación dos actores e interesados relevantes en eidos chave para o proxecto, a elaboración de mapas de talento, visitas de campo, sesións formativas e/ou participativas para a co-creación, aproveitando asemade para tecer redes (‘networking’), conforman o núcleo das actividades do CAPRIF-CC.

Por último, a divulgación dos resultados e a difusión das boas prácticas identificadas, e/ou desenvolvidas, durante o seu ciclo de vida completan a ambición do proxecto.

O proxecto CAPRIF conta coa participación da Fundación Juana de Vega (FjdV),  A Fundación CEER (FCEER), A Fundación Montescola, a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), e CETEMAS (Centro Tecnológico y Forestal de la Madera). O proxecto recibe o apoio da Fundación Biodiversidad  do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No evento do día 26 de febreiro participaron representantes das entidades socias do proxecto CAPRIF-CC, para presentar as liñas mestras do proxecto; a sesión comezou ás 9:30, coa benvida do Director da FJDV,  José Manuel Andrade, e  rematou ás 18:00, tras o repaso as actividades de execución inmediata, entre as que se atopa a constitución dun Comité Científico con investigadoras e investigadores das Universidades galegas, promovido pola FCEER, que actuará en servizo das comunidades rurais do proxecto, e a organización dunha xornada de inicio, con data por determinar, que será aberta ao público e se celebrará a principios de abril.

[Páxina web do proxecto: en construcción]