Éxito do campamento de voluntariado ambiental do RENATUR_OUTES

Volver atrás
Éxito do campamento de voluntariado ambiental do RENATUR_OUTES

O primeiro acampamento de voluntariado ambiental do río Tins contou con 27 participantes de todas as idades que durante tres días traballaron incansablemente na eliminación de herba da fortuna (Tradescantia fluminensis) e doutras especies de plantas invasoras.

A pesar do mal tempo inicial, o venres 28 de xullo botou a andar o primeiro campamento de voluntariado ambiental do río Tins, con 27 participantes de todas as idades: desde os 4 ata os 60 anos. A iniciativa forma parte do proxecto Renatur_Outes. Durante tres xornadas, de sábado a domingo, o grupo acampou no pavillón municipal e traballou arreo na eliminación de herba da fortuna (Tradescantia fluminensis), especie invasora que impide a presenza das especies propias dos habitats de ribeira. O traballo de eliminación é minucioso máis, mesmo así, retiráronse aproximadamente dúas toneladas de planta nunha superficie de 400 m2 na parte posterior do antigo cine da Serra.

Tamén se realizou descascado doutras especies de árbores invasoras presentes no río como a acacia negra (Acacia melanoxylon), a mimosa (Acacia dealbata) e a falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e recolléronse 100 kg de lixo da zona de ribeira, fundamentalmente plásticos. No sábado e domingo varias participantes visitaron a cabeceira do río Tins, gozando das fervenzas e entorno natural das capelas de San Paio e Santa Locaia, mentres que outras aproveitaron para refrescarse na praia de Broña. Ademais de formación práctica en técnicas de eliminación de especies exóticas invasoras organizouse un micro-obradoiro de utilización da app de identificación e mapeamento de especies iNaturalist.

O proxecto Renatur_Outes está liderado polo Concello de Outes e conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) así como co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

ReNatur_Outes continuará traballando nos dous próximos anos con outras accións de limpeza de residuos da contorna fluvial, sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas e fomento a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Fonte: https://renatur.outes.gal/archivos/183