Finaliza o proxecto Erasmus+ “Vémonos no Monte!”

Volver atrás
Finaliza o proxecto Erasmus+ “Vémonos no Monte!”

O pasado 31 de agosto rematou o proxecto europeo 'Vémonos no Monte!', seleccionado para ser financiado na convocatoria 2021-22 da categoría do Programa Erasmus+ de “asociacións a pequena escala” (KA2). Coordinado pola Fundación CEER e desenvolvido no ámbito da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

O pasado 31 de agosto rematou o proxecto europeo 'Vémonos no Monte!' (Referencia: 2021-2-ES01-KA210-ADU-000049587), que fora seleccionado para ser financiado na convocatoria 2021-22 do Programa ErasmusPlus, período 2021-27, categoría "asociacións de pequena escala" (KA2).

Iniciado en marzo de 2022 e desenvolvido dentro da eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, 'Vémonos no Monte!' buscou mellorar a aprendizaxe e a formación de adultos no manexo de especies exóticas invasoras (EEIs) do xénero acacia e eucalipto, aplicando o principio de 'aprender facendo' / 'learning by doing'. As entidades impulsoras do proxecto foron en Galicia a Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia-Norte de Portugal) (coordinadora) e a Fundación Montescola, e en Portugal a micropeme 'Máquina Lírica LDA' (actuando baixo a marca: ' À escuta', iniciativa cultural).

O control das especies invasoras é un problema importante con repercusións millonarias para as administracións públicas polos seus graves impactos na biodiversidade, na integridade dos ecosistemas e, no caso particular das acacias e eucaliptos, pola súa contribución ao aumento do risco de incendios forestais.

Froito destes 18 meses de intenso traballo son os recursos que se enumeran a continuación, xa dispoñibles a través da web de 'Vémonos no Monte!':

Recursos e materiais educativos orixinais:

  • (1) Caderno de Monte e música de apoio, dirixido ao público infantil e ás súas familias
  • (10) Unidades didácticas: minirrelatos cun deseño gráfico atractivo explicando a) orixe e motivación das brigadas e a súa dinámica de traballo; b) o problema das IAS; e c) técnicas para a súa xestión e control aplicadas no proxecto.
  • (10) Videotutoriais que ilustren as técnicas de xestión de IAS aplicadas
  • (1) Guía sobre “Control de invasores”: a partir dunha exposición da investigadora e doutora Elizabete Marchante (Universidade de Coimbra), 44 páxinas en formato .pdf
  • (1) Cartel temático “Plantas invasoras” en formato A3

Máis de 400 participantes en intervencións de campo e outras actividades:

  • (15) Intervencións en Galicia: coñecidas como 'rogas', son convocatorias de traballo colectivo, ás que segue unha comida ou 'albarroco' ao final da tarefa
  • (4) Intervencións transfronteirizas, seguindo a dinámica das "rogas" galegas
  • (1) Charla-coloquio presencial
  • (9) Obradoiros
  • (7+1) Seminarios presenciais e virtuais
  • (1) Foro Cívico

Toda a información, e detalles sobre o legado do proxecto, en brigadas.pt e na canle de YouTube da Fundación @Montescola