Alternativas para esta ponte: voluntariado ambiental para reducir o risco de incendios

Volver atrás
Alternativas para esta ponte: voluntariado ambiental para reducir o risco de incendios

A participación na xornada do sábado 30 na Área Conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame (A Coruña), está aberta a todos os públicos. Coa plantación de castiñeiros e obradoiro de poda forestal búscase amosar o potencial das ‘paisaxes cortalumes’ e os aproveitamentos multifuncionais.

Para quen aínda non teña plans para esta ponte, o sábado 30 ten unha alterativa combinando natureza, aprendizaxe e conservación da paisaxe. Trtátase dunha convocatoria de voluntariado ambiental do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC), coa que se procurará plantar máis dun cento de árbores frondosas autóctonas na Área Conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame (A Coruña), recoñecida polo Programa da ONU para o Ambiente desde 2017.

As participantes non só poderán coñecer este territorio singular e contribuír a protexelo fronte ás ameazas do lume e do cambio climático, máis tamén aprender as técnicas de poda forestal e descubrir como poñer en valor os aproveitamentos multifuncionais do monte, combinando, por exemplo, castañas, cogumelos e madeiras de calidade. A xornada, que acabará cunha degustación, está aberta a todas as idades e o prazo de inscripción finaliza este xoves 27 (só é necesario enviar un email a info@montescola.org).

Froxán está desenvolvendo unha experiencia piloto de ‘cortalumes verdes’, infraestruturas forestais que integran especies máis resistentes ao lume e forman espazos resilientes con maior biodiversidade e posibilidades de uso multifuncional. As actuacións forman parte do proxecto CAPRIF-CC no que participan a Fundación Juana de Vega, a Fundación CEER, CETEMAS, Montescola e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, e que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Ademais das xornadas de voluntariado forestal, o proxecto CAPRIF-CC creará unha rede de ‘Living Labs’ en varios territorios nos que se levarán a cabo numerosas actividades de innovación aberta, formación e co-creación buscando a dinamización económica no ámbito forestal e os usos multifuncionais. Tamén se elaborará un mapa de talento e un atlas de boas prácticas para pór en valor e divulgar as experiencias de conservación comunitaria e xeitos de xestión positivos en termos de fomentar territorios resilientes e biodiversos.