Oficina CEER
 20-10-2010
ESTUDAN A INTRODUCIÓN NO ORGANISMO HUMANO DE SENSORES QUE ALERTAN DA PRESENZA E AGRESIVIDADE DUN TUMOR

Enxeñaría xenética, proteínas que emiten luz e sensores para detectar o crecemento dun tumor poderían ser os ingredientes dun filme de ciencia ficción. Non obstante estes son os eixos dunha liña de investigación arredor da que está a traballar o grupo de Oncoloxía Molecular da USC. Os investigadores deste equipo están a empregar nos seus ensaios de laboratorio unha técnica de imaxe funcional óptica baseada na emisión de luz, para a localización dos tumores e a determinación da súa perigosidade.

Este sistema, que se atopa en fase experimental, controla a fabricación de proteínas que emiten luz. Así, a través dun entramado de enxeñaría xenética, os investigadores poden inocular nas células un sensor que fai que cando estas medran emitan luz, de maneira que é posible visualizalas. “Unha maior intensidade de luz indica unha maior agresividade do tumor” o que denotaría un rápido crecemento e a posibilidade de estenderse a outras zonas, explica o coordinador do proxecto, José Antonio Costoya Puente. O resultado final é unha imaxe funcional, é dicir, a posibilidade de coñecer se existe un tumor e se é pouco ou moi agresivo.

A explicación deste mecanismo ten a súa razón de ser no propio funcionamento do organismo humano. “Cando un tumor é moi agresivo –sinala outro dos investigadores, Pablo Iglesias Vázquez- unha cantidade de células descontrólase ao tempo que se multiplican, de xeito que a achega de osíxeno por parte dos vasos sanguíneos faise insuficiente”, é o que se coñece como hipoxia. Tal e como indican os expertos, a natureza ten mecanismos para vencer esta situación, xa que existe un “ detector” que fai que, ante baixas concentracións de osíxeno, o organismo responda coa fabricación de novos vasos sanguíneos. Trátase dunha especie de ‘interruptor molecular’.

De xeito particular, o equipo compostelán céntrase no estudo das células tumorais que metastatizan no cerebro e no pulmón, localizacións máis habituais para certos tipos de cancros, sinala Costoya Puente.

Este método de imaxe, que ademais posúe a cualidade de non ser invasivo, trasladaríase ao paciente en pequenas moléculas inxectables “que funcionen como sensores, permitindo a ‘ monitorización’ da enfermidade para o seu estudo e seguimento”. Trátase dun “avance importante” con respecto aos actuais sistemas de diagnose por imaxe, baseados en isótopos radioactivos”. A mellora sería extensible igualmente ao ámbito da cirurxía oncolóxica, facéndoa máis selectiva e cun mellor prognóstico, en definitiva máis efectiva.

Fonte: http://xornal.usc.es