Oficina CEER
 04-04-2007
Convocatoria de axudas a proxectos culturais

Co obxecto de reforzar a cooperación, o traballo conxunto, a transferencia e o intercambio de coñecementos entre membros da comunidade universitaria e entre estes coa sociedade xeral, a USC abriu unha convocatoria de axudas a proxectos culturais para desenvolver entre abril de 2007 e marzo de 2008.

Para o seu desenvolvemento a Vicerreitoría de Cultura estableceu unha liña de colaboración con outras administracións públicas que permita satisfacer con maior coordinación, dotación económica e apoio aos colectivos que presenten solicitudes. Inicialmente, a convocatoria terá unha dotación de 25.000 euros que poderá ser aumentada progresivamente en virtude da sinatura de convenios con diferentes administracións públicas.

Nesta convocatoria darase prioridade a proxectos de carácter intersectorial universitario e á presenza de persoas alleas á universidade ou de cooperación entre membros ou entidades universitarias e outras non universitarias. O período para o desenvolvemento das iniciativas propostas estenderase entre o 16 de abril de 2007 e o 14 de marzo de 2008.

Poderán acollerse a estas axudas membros da comunidade universitaria, sempre que os proxectos sexan participativos e destinados ao conxunto da comunidade universitaria; direccións e Comisións Culturais dos centros; asociacións rexistradas no censo da USC, e residencias universitarias e colexios maiores. As solicitudes deberán contar un programa detallado de cada proxecto para o que se solicita axuda incluíndo obxectivos procurados, destinatarios, temporalización e localización, estrutura e contido, orzamento de gastos e unha previsión doutros financiamentos.

As solicitudes poderán presentarse en calquera momento entre o 14 de marzo de o 14 de decembro de 2007, ditándose as resolucións o días 16 de abril, 13 de xullo, 4 de outubro e 18 de decembro. Para poderen ser consideradas en cada unha destas datas de resolución, as solicitudes deberán entregarse nos Rexistro Xerais da USC antes das 14:00 horas dos días 12 de abril, 11 de xullo, 2 de outubro e 14 de decembro, respectivamente.

A comisión encargada de avaliar as propostas primará dun xeito especial a innovación, orixinalidade e creatividade dos contidos a desenvolver; a estabilidade no tempo fronte a actuacións puntuais; a transversalidade na procedencia de solicitudes e destinatarios; o enfoque participativo fronte ao consumo pasivo e o fomento da participación cidadá.