Oficina CEER
 05-11-2010
A IMAXE E O SON PÓÑENSE AO SERVIZO DA POESÍA PARA CREAR VIDEOPOEMAS

No Ciclo Escritores na Universidade.

A última sesión contou coa presenza das autoras Lara Bacelo e María Lado.

Unha vocación literaria marcada e unhas tremendas ganas de modernización caracterizan os videopoemas que as autoras Lara Bacelo e María Lado presentaron na Facultade de Filoloxía e Tradución con motivo da terceira e última sesión do ciclo Escritores na Universidade. As pezas proxectadas ao longo do relatorio son un perfecto exemplo de innovación na transmisión do texto literario que “ademais resultan moi útiles para reflexionar acerca da relación entre o poético e o poemático”, segundo palabras do profesor Manuel Forcadela, que actuou como conductor do acto.

As ansias de mudar a poesía para que non caia no olvido levaron a estas escritoras a apostar por novas técnicas encamiñadas a achegar as súas creacións ao público dun xeito ameno. “Sen coñecermos, as dúas optamos por un formato moi parecido. Tratamos de emular a animación fotográfica mediante a sucesión de imaxes con textos sobreexpostos”, explica Lado. Conscientes de que os xéneros non sempre teñen que ser encorsetados, ambas exploran as posibilidades da edición de vídeo para satisfacer a súa necesidade de mostrar ao mundo os seus traballos. “Buscamos o xeito de que a xente se achegue á poesía con interés, levándoa máis aló do simple texto literario”, apunta Bacelo, e por iso experimentan coa música, a palabra e o son.

As novas tecnoloxías facilitan a creatividade.
Procedente das vangardas europeas, o videopoema “é un formato que as novas xeracións de escritores estamos reutilizando grazas ás enormes posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”, explica Bacelo, que engade que “en minutos podemos facer pezas que vinte anos atrás terían precisado de meses de traballo”.

Pola súa banda, Forcadela considera que o videopoema está contaminado de surrealismo e do reemprego da sociedade industrial que permite que cun simple teléfono móbil ou cun ordenador portátil se constrúan estes “artefactos semióticos que poden resultar verdadeiramente sorprendentes pola súa forza e creatividade”, apunta.

Fonte: http://duvi.uvigo.es