Oficina CEER
 08-11-2010
HOMENAXE A FERNÁNDEZ DE ROTA NA FACULTADE DE SOCIOLOXÍA

Homenaxe ao primeiro decano da Facultade de Humanidades e gran impulsor desta titulación, José Antonio Fernández de Rota.

O Salón de Graos da Facultade de Socioloxía acollerá o xoves 4 de novembro o acto de homenaxe a José Antonio Fernández de Rota y Monter, organizado polas Facultades de Socioloxía e Humanidades da Universidade da Coruña. Neste acto, que comezará ás 18.00 horas, intervirán o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; os decanos de Socioloxía, Antón Álvarez Sousa, e de Humanidades, Manuel J. Recuero Astray, así como o secretario da Facultade de Socioloxía, José Romay, e a coordinadora do Máster de Migracións Internacionais, Laura Oso. A lembranza sobre Fernández de Rota correrá a cargo do profesor Domingo J. Gallego Gil. O acto pecharase coa entrega dunha placa de homenaxe e a actuación do Coro da Universidade da Coruña. Tras este homenaxe está prevista, ás 19.30 horas, a inauguración do Seminario Fernández de Rota. José Antonio Fernández de Rota, falecido o pasado mes de agosto, foi o primeiro decano da Facultade de Humanidades, no campus ferrolán de Esteiro, e un dos grandes impulsores da posta en marcha deste título da Universidade da Coruña. Investigador de prestixio internacional e catedrático de Antropoloxía, dedicou gran parte da súa traxectoria profesional traballos de campo antropolóxico, sobre todo en Galicia e zonas limítrofes, aínda que tamén desenvolveu proxectos en países como Bélxica ou Estados Unidos. Foi membro do Comité Científico do Instituto Internacional Transcultural para o estudo recíproco das civilizacións, con sede en París, e integrante da Comisión de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega, así como académico da Real Academia Española de Ciencias Morales y Políticas.

Fonte: http://www.udc.es