Oficina CEER
 11-11-2010
A USC PARTICIPA NUN PROXECTO INTERNACIONAL PARA SELECCIONAR AS OBRAS E OS AUTORES MÁIS REPRESENTATIVOS DA LITERATURA EUROPEA

Perséguese sentar as bases destes estudos en secundaria.

En España a investigación lidéraa a USC, coa profesora Mariña Arbor á cabeza.

Un equipo de investigadores da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago coordina en España un proxecto internacional que busca elaborar un canon da literatura europea, o conxunto de obras e autores máis representativos de cada país, coa fin de empregalo como material de estudo no ensino secundario. A iniciativa, liderada pola Universidade La Sapienza de Roma e financiada polo programa Educación e Cultura da UE, estana a desenvolver universidades e centros de secundaria de Alemaña, Portugal, Italia, Francia, Romanía, Hungría, Macedonia, Bélxica, República Checa e España.

O representante español do proxecto é a Universidade de Santiago, a través do equipo encabezado pola profesora Mariña Arbor xunto con Mercedes Brea e Santiago Fernández, que no ámbito galego colaboran ademais neste estudo con centros de ensino secundario, en concreto cos composteláns Rosalía de Castro, Lamas de Abade, Xelmírez I, Antón Fraguas e IES Pontepedriña. No eido estatal participan institutos de Madrid, Barcelona e Castellón.

Todos os grupos desenvolverán reunións nas que abordarán diferentes enfoques da literatura europea de cara a poder avanzar co propósito deste proxecto. Tal e como indica Arbos, “temos que saber que é Europa, cal é o proceso de constitución europea, que nos une aos diferentes países, como funciona a circulación de ideas en cada un deles e, en definitiva, cal é o patrimonio cultural da Unión Europea, neste caso literario”.

Na actualidade os equipos están a deseñar unhas enquisas destinadas a alumnos de bacharelato, a docentes de lingua e literatura española de secundaria e a estudantes universitarios. Trátase de recompilar os gustos literarios dos rapaces (tanto autores como obras), ademais dos seus coñecementos en literatura española en particular e europea en xeral. En función dos resultados, os grupos encamiñaranse cara a unha ou outra dirección á hora de elaborar o canon literario europeo. “ Buscamos abrir o currículo dos alumnos, de maneira que a súa formación non se limite só a estudar as literaturas nacionais do país”, declara Arbor.

Nin Quixote nin Ulises.
Resulta moi importante ter en conta as preferencias dos estudantes dos diferentes países. Nesta liña, e segundo as reflexións mostradas polos docentes de lingua e literatura dos institutos que colaboran neste proxecto, na actualidade non é axeitado ofrecerlle a un alumno de secundaria a lectura de El Quijote de Cervantes ou do Ulises de James Joyce. “Non lles interesa porque os rapaces carecen de datos de referencia que lles permitan gozar deste tipo de obras”, afirma Mariña Arbor. “Por iso é fundamental coñecer as súas referencias”.

Un dos obxectivos primordiais que buscan os investigadores é promocionar entre os estudantes o achegamento a certos textos literarios. “Non se trata tanto de ofrecerlles a lectura de obras completas senón de fragmentos que lles sirvan de estímulo que os anime a ler determinadas obras relevantes”, indica a docente.

Campo inabarcable.
“A literatura europea é inabarcable, polo que a través dos diferentes grupos estamos a ensaiar liñas de traballo diversas, o cal non resulta doado porque existen moitas diverxencias entre países; cada un ten as súas particularidades”, apunta. Así, terán que decidir que autores se seleccionarán, que tipos de obras e xéneros literarios, temas… e todo en función das preferencias dos estudantes.

O proxecto, que ten unha duración de dous anos, iniciouse en maio deste ano e está previsto que remate a finais de abril de 2012.

Fonte: http://xornal.usc.es