Oficina CEER
 22-11-2010
O GRUPO DE FENOMENOLOXÍA DA USC PARTICIPA NOS PRIMEIROS RESULTADOS EXPERIMENTAIS DE COLISIÓNS NUCLEARES DO CERN

grupo de Fenomenoloxía do Departamento de Física de Partículas e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC participa nos primeiros resultados experimentais de colisións nucleares obtidos no acelerador Large Hadron Collider (LHC) no CERN. Catro dos seus membros, Néstor Armesto, Elena Ferreiro, Carlos Pajares e Carlos Salgado, forman parte da colaboración ALICE que acaba de publicar diversos artigos sobre os resultados acadados.

A comezos do mes de novembro e nun tempo récord de catro días, o LHC logrou realizar o cambio entre o programa de colisións entre protóns a outro de colisións entre ións de chumbo. Esta rápida migración, reflexo do grao de coñecemento sobre o funcionamento do acelerador acadado no último ano, permitiu publicar os primeiros datos experimentais de colisións entre ións en tan só dez días. Estes datos presentáronse no CERN e os correspondentes artigos xa están dispoñibles no servidor de preprints de Física de Partículas (http://www.slac.stanford.edu/spires/hep/).

O programa de colisións nucleares do LHC trata de estudar o estado no que se atopaba a materia que compoñía todo o Universo uns microsegundos despois do Big Bang. Este novo estado, chamado Plasma de Quarks e Gluóns, ten unhas propiedades moi distintas da materia usual. Aínda que a interpretación dos resultados necesitará un traballo teórico en máis profundidade, estes primeiros datos apuntan a un medio coa maior densidade de enerxía nunca producida no laboratorio e coa viscosidade máis baixa que ningún outro material coñecido.

O grupo de Fenomenoloxía de Partículas da USC é un dos máis recoñecidos no ámbito internacional dentro da fenomenoloxía das colisións nucleares a altas enerxías. As correspondentes predicións teóricas producidas por este grupo nos últimos seis anos reproducen satisfactoriamente os valores medidos e atópanse incluídas nestas novas publicacións. Para acadar máis información as persoas interesadas poden dirixirse aos seguintes enderezos: http://public.web.cern.ch/public/, http://aliweb.cern.ch/ .

Fonte: http://xornal.usc.es