Oficina CEER
 10-12-2010
O CONGRESO INTERNACIONAL ‘HISTORIA A DEBATE’, ANALIZA O PRESENTE E FUTURO DA DISCIPLINA COMO ESPAZO DE ESTUDO E ÁMBITO PROFESIONAL

Analizar o futuro que lle agarda á historia como campo de investigación e como ámbito profesional resume a idea coa que se organiza a cuarta edición do Congreso Internacional Historia a Debate, a celebrar entre os días 15 e 19 de decembro. Este encontro chega á súa cuarta edición co obxecto central de debater sobre a disciplina da historia, os grandes feitos e procesos históricos que está a vivir a sociedade e as demandas doutros suxeitos culturais, políticos e sociais que interveñen na escritura da historia.

O programa deste encontro que se vén celebrando en anos xacobeos dende 1993, presentárono este xoves en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua Francisco Durán; o coordinador do encontro, o profesor Carlos Barros; e Camino Triguero, en representación do Xacobeo.

O programa deseñado, que se vai poder seguir de xeito presencial pero tamén a través da rede, pretende reflexionar sobre cómo exercer o oficio de historiador no século XXI, atendendo ás novas formas de traballar con fontes e teorías e a como orientar a didáctica da historia, aproveitando as novas tecnoloxías para chegar ao público lector e espectador. Como punto de encontro, agárdase que o congreso permita desenvolver novos paradigmas, redes e tendencias como o propio proxecto ‘ Historia a Debate’ e outros xurdidos das inéditas realidades do século.

Segundo os promotores do congreso, vivir a historia académica de maneira máis global pasa por “ interesarmos polo presente compartido”, achegando o saber histórico á comprensión e evolución das grandes cuestións dunha actualidade global “cada vez máis determinante para entender a forma e o contido da profesión histórica, as humanidades e as ciencias sociais”. Neste senso, as intervencións previstas prestarán especial atención á actualidade máis inmediata a través do achegamento á crise económica actual, a gobernanza global, a transformación de América Latina ou o cambio climático, tratando de analizar tamén se se ten estancado o proxecto europeo.

Dende a organización das primeiras edición hai preto de vinte anos, este encontro ten fornecido ao seu redor unha rede internacional de historiadores á que se conectan diariamente 8.000 profesionais de 350 universidades de todo o globo, acumulando este espazo virtual máis de cinco millóns de visitas. Dende esta concepción global e internacional, colaboran coa rede Historia a Debate na difusión do congreso preto de 500 institucións académica de España e de 33 países de Europa, América, Asia, África e Oceanía. Ademais, no desenvolvemento das sesións están previstas 130 relatorios que, segundo agardan os organizadores, garantirán o debate e a reflexión colectiva.

Na páxina web http://www.h-debate.com/, as persoas interesadas poden acadar máis información sobre o programa, que se desenvolverán nas Facultade de Ciencias da Comunicación e Filoloxía.

Fonte:http://xornal.usc.es