Oficina CEER
 16-04-2007
Alumnos de Xeografía das Universidades de Santiago e do Minho debateron sobre os incendios forestais no Noroeste da Península Ibérica

Os alumnos das materias de Xeografía de Galicia e Asentamentos de Poboación da Licenciatura de Xeografía da USC desenvolveron este luns no Cesga unha aula virtual común con estudantes de Xeografía do Campus de Guimaraes da Universidade portuguesa do Minho. Nesta ocasión a actividade, realizada por terceiro ano consecutivo, centrouse no debate do problema dos incendios forestais no Noroeste da Península Ibérica.

Os estudantes da USC presentaron os resultados dun traballo de investigación xurdido dunha experiencia de innovación docente pola que, asumindo un xogo de rol, se organizaron colectivamente nunha empresa de consultaría especializada chamada Gallaecia Consulting. Na aula, tanto os alumnos da USC coma os de Minho expuxeron os seus argumentos sobre a definición xeográfica e territorial do problema dos incendios forestais en Galicia e no Norte de Portugal, as consecuencias e solucións, a percepción do mesmo no eido vulgar e científico e os resultados dunha análise do tratamento que o problema recibe por parte da sociedade civil, dos partidos políticos e dos medios de comunicación. Os propios alumnos elaboraron un blog asumindo o rol de empresa de consultaría onde se crea un instrumento de comunicación e mercadotecnia.

Con esta experiencia de innovación educativa trátase de incidir no uso das novas tecnoloxías como ferramentas de formación avanzada no ensino universitario e impulsar a interacción e o intercambio de coñecementos entre comunidades universitarias fisicamente afastadas pero cultural e dixitalmente moi próximas. Trátase ademais de avanzar na investigación de novas metodoloxías de ensino-aprendizaxe e procurar a motivación, creatividade, capacidade crítica e curiosidade intelectual dos alumnos de xeografía.

Para esta actividade empregouse a tecnoloxía de multivideoconferenica Access Grid dispoñible no Centro de Supercomputación de Galicia que permite interactuar en tempo real con imaxe e son calidade dixital.