Oficina CEER
 29-04-2011
O IV CICLO DE TEATRO COMUNITARIO AFONDARÁ SOBRE O SIGNIFICADO DO TEATRO NA VIDA ASOCIATIVA DAS VILAS E ALDEAS GALEGAS

As persoas interesadas poden inscribirse ata o vindeiro 31 de abril nesta iniciativa promovida dende Ciencias da Educación Actualizada: 28-04-2011 12:39 O Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da USC acollerá dende o vindeiro 3 de maio a cuarta edición do Ciclo de Teatro Comunitario, baixo o lema ‘Teatro (É) Educación’. A través desta iniciativa, organizada pola Comisión Cultural e de Normalización Lingüística e o grupo de teatro da Facultade de Ciencias de Educación co apoio da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, ten como obxectivo crear un encontro a través do que se mostren os traballos realizados polos grupos que desenvolven a súa actividade nas vilas e aldeas galegas.

A actividade está dirixida tanto a membros da comunidade universitaria como a persoas que non pertenzan á mesma, podendo inscribirse ata o vindeiro 31 de abril, enviando un correo ao enderezo fatima.salteiro@usc.es. Os membros da comunidade universitaria poderán obter un crédito de libre configuración pola asistencia a este curso, no que ademais de asistir á representación de varias obras, haberá un ciclo de conferencias no que se afondará sobre o que representa o teatro dende o punto de vista educativo e na vida comunitaria e asociativa das vilas.

O ciclo comezará o 3 de maio, ás 17:30 horas, e concluirá o 12 de maio. O programa inclúe conferencias nas que se analizarán temas como ‘o teatro aficionado nas diferentes etapas (infantil, secundaria, adultos e terceira idade)’ ou a ‘consolidación de grupos de teatro en contornas profesionais’. Así mesmo, cada un dos días haberá unha representación teatral a cargo dos grupos de teatro Quemaisten de As Pontes, da Residencia de Mayores Concepción Arenal da Coruña, do Centro Sociocultural de Conxo e do grupo de teatro da Facultade de Ciencias da Educación.

Fonte: http://xornal.usc.es