Oficina CEER
 06-07-2007
A revista científica Estudos Eurorrexionais sairá á luz nas vindeiras semanas e convida á comunidade universitaria a participar co envío de traballos

A dirección da Fundación CEER e membros Consello Editorial da Revista científica de Estudos Eurorrexionais, publicada polo CEER, reuníronse o pasado día 4 de xullo, no Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela.

A esta xuntanza asistiron Carlos Ferrás Sexto, director da Fundación CEER e profesor da Universidade de Santiago de Compostela; Pedro Melo, director da revista Estudos Eurorrexionais e pro-reitor da Universidade de Tras-os-Monte; Félix Blázquez, secretario da revista e profesor da Universidade da Coruña; e Jesús López e José López, ambos tamén profesores da Universidade da Coruña.

Entre os puntos a tratar na reunión, definiuse o deseño da sección web da revista, dispoñible na páxina Web da Fundación CEER, www.fceer.org, onde calquera usuario poderá ter acceso ós artigos e textos completos da revista, publicada en formato papel, e do Boletín Estudos Eurorrexionais, só publicado en versión dixital. Do mesmo xeito, nesta sección, a Revista/Boletín Estudos Eurorrexionais, convidará á comunidade universitaria ( profesores, investigadores, estudantes, etc) a participar no seu desenvolvemento co envío de artigos, notas, recesións ou valoracións críticas de libros ou documentos científicos a través do sistema telemática Open Conf para ser publicados.

Outras cuestión acordadas na xuntanza, foron os puntos estratéxicos para o fomento do intercambio científico e a distribución do Número 1º da revista entre a comunidade universitaria de Galicia e o norte de Portugal.