Oficina CEER
 03-10-2011
ÉXITO DO II TROFEO INTERUNIVERSITARIO EURORREXIONAL

O sábado día 1 de outubro, as augas do Miño foron testemuñas de excepción na competición de barcos k4 que enfrontou ás seis universidades de Galicia e do Norte de Portugal (UDC, USC, UVigo, UPorto, UMinho e UTAD).

A competición estivo reñida e puidose constatar a boa forma dos atletas da Eurorrexión, aínda que debido á dificultade no manexo dos barcos k4, puidose ver algunha que outra volcadura, sen ter lamentar ningún incidente. Os/as vencedores das carreiras foron: na modalidade feminina, UVigo; na modalidade masculina foi UMinho e na mixta foi a UVigo a que se alzou co trofeo, mais todos os equipos foron agasallados con medallas pola súa participación.

As actividades lúdico-culturais amenizaron durante todo o día este encontro, tanto ó longo da carreira, como nos centros históricos de Valença do Minho e Tui, onde tamén a poboación local gozou das súas actuacións. As actuacións dos Bomboémia, da Vibratuna da UTAD, do grupo de Pauliteiros de Miranda e da Tuna masculina universitária da Uporto e do grupo de Danza da USC deleitaron a todos os asistentes.

A gastronomía tamén tivo o seu lugar destacado nesta celebración, enmarcándose dentro da Festa de Tasquinhas no municipio de Valença do Minho. Nesta festa localizada no recinto do mercado puidéronse degustar produtos típicos do municipio con sabor de aldeia.

Esta regata, organizada pola Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais) en colaboración co concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença do Minho, pretende converterse nun punto de encontro entre os universitarios de ambas marxes do río Minho, afianzando lazos e fomentando a cooperación entre as universidades, así como promover a práctica regular de actividade física. Polo que de seguro que posteriores edicións do Trofeo Interuniversitario Eurorrexional están aseguradas.