A UNIVERSIDADE DE VIGO É A SEXTA DE ESPAÑA CON MÁIS PATENTES POR CADA 100 PROFESORES
Segundo os datos do Observatorio para o seguimento da I+D+i universitaria, Iune.
Ocupa a novena posición nacional na creación de empresas de base tecnolóxica.
0,81 recoñecementos por cada cen docentes sitúan á Universidade de Vigo na sexta posición nacional en produtividade, entendida esta por número de patentes rexistradas por cada cen profesores. Son datos que se recollen no informe do Observatorio para o seguimento da I+D+i Universitaria Española, Iune, un estudo no que tamén se sitúa a Vigo como a novena universidade española que máis spin-off rexistrou desde o ano 2002 ata o 2010, datas nas que se crearon no seo da institución universitaria viguesa un total de 15 empresas de base tecnolóxica.
Son cifras que a xuízo do vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, reflicten o enorme esforzo que está a facer a Universidade por poñer en valor a transferencia do coñecemento, algo para o que se puxeron en marcha diferentes medidas de axuda e apoio que teñen como obxectivo “valorizar a investigación para que sexa produtiva a nivel social, sobre todo na contorna na que estamos, é dicir, Vigo e o resto de Galicia”, subliñou o vicerreitor. Ao fío deste informe José Antonio Vilán insistiu en que para a institución é prioritario que a investigación que se está a facer polos diferentes grupos de investigación teña a medio e longo prazo aplicación real na industria. “Temos ámbitos como o tecnolóxico e o científico onde estamos facendo investigación básica pero moi orientada á súa posible aplicación”, engadiu o vicerreitor, que valorou moi positivamente a posición acadada por Vigo, tanto na clasificación elaborada en función da produtividade (patentes por cada 100 profesores) como na relación en números absolutos, onde Vigo se sitúa na undécima universidade española con máis patentes, cun total de 69.
Un sistema de refrixeración para barcos, un biorreactor de residuos orgánicos procedentes de estacións depuradoras de augas residuais, un dispositivo de despregue de antenas para satélites artificiais ou un acumulador de enerxía mediante discos magnéticos supercondutores son algúns exemplos de patentes que xa foron acadados polos investigadores da Universidade de Vigo.
Catro novas spin-off en carteira.
Polo que respecta á creación de empresas de base tecnolóxica, o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento informou de que se está en proceso de elaboración dunha nova normativa sobre a creación deste tipo de empresas “que axudará a seguir mellorando estas cifras”, subliñou, ao tempo que lembrou iniciativas como a posta en marcha dunha unha pre-incubadora na Cidade Universitaria con seis locais dispoñibles á que nun futuro próximo se engadirá outra en Citexvi con dez locais. “Son exemplos de como tentamos pór en valor a investigación básica e a transferencia para lograr que todo este traballo sexa produtivo a nivel social e isto ao final nótase nos indicadores fundamentais de transferencia, como son os contratos, as patentes ou as propias spin-off”, apuntou José Antonio Vilán, que informou tamén de que na actualidade “hai catro novas firmas esperando xa en carteira para formarse”.
O panorama de spin offs constituídas por iniciativa de diferentes membros da comunidade universitaria inclúe diferentes tipos de empresas, algunhas das cales recibiron xa o recoñecemento internacional, caso da firma Imatia Innovación que acaba de incluírse no Top 100 das empresas tecnolóxicas europeas máis innovadoras. Outro exemplo a destacar é a firma Nanoimmunotech unha iniciativa empresarial que conta xa co aval de diversos premios (Mellor proxecto empresarial biotecnolóxico promovido por IGAPE, BIC Galicia e Genoma España, premio Uniemprendia, programa Empresa-Concepto, e Premio Bancaja Xoves Emprendedores).
Son dous exemplos dunha lista que inclúe firmas dedicadas a enxeñaría mecánica, innovación biolóxica, desenvolvemento de competencias directivas, peloides termais, enxeñaría biomecánica ou xestión ambiental sostible, entre outros campos.
Proxecto Iune.
Este informe levouse a cabo a través dunha ferramenta que o Observatorio para o Seguimento da I+D+i Universitaria Española, Iune, puxo en marcha e que analiza 42 indicadores en seis bloques a 73 universidades públicas e privadas.
Coordinado pola Universidade Carlos III de Madrid, o observatorio IUNE estivo financiado en principio polo Ministerio de Ciencia e Innovación e actualmente conta co apoio do Ministerio de Educación, que o considera como fonte oficial para os indicadores de investigación do sistema universitario español, segundo explicaron as universidades que nel colaboran, que inclúe ademais da Carlos III de Madrid, a Universidad Pompeu Fabra, a Universidad Autónoma de Barcelona e a Autónoma de Madrid.
A actividade científica e innovadora das 73 universidades españolas (48 públicas e 25 privadas), pódese visualizar a través da web aberta que se creou para esta iniciativa www.iune.es, onde se poden consultar datos dun período determinado e obter gráficos de maneira automática.
Fonte: duvi.uvigo.es