Oficina CEER
 13-07-2012
O MUSEO VIRTUAL ETNOGRÁFICO GALICIAAUTENTICA.ORG PROMOVE O TURISMO ALTERNATIVO NOS ESTADOS UNIDOS

Un grupo de 20 turistas procedentes de Nova York, Washington e Florida se interesan pola oferta de turismo creativo de www.galiciaautentica.org e visitan durante unha xornada Casa Pájaro de Lalín para coñecer a tradicional producción do mel do Deza, poder degustar os sabores auténticos locais e realizar a ruta etnográfica denominada Un safari moi doce.

Casa Pájaro é unha familia galega de Filgueira-Lalín participante no proxecto de Innovación www.granxafamiliar.com da USC. Poden obter máis información con Fernando Pájaro (telf.: 662084529. Conta de Correo: casapajaro@granxafamiliar.com).

O Grupo GIST-IDEGA traballa na rede unha web experimental para a promoción de novas formas de turismo alternativo de Galicia.

www.galiciaautentica.org é unha web de rutas etnográficas que ofrece unha visión alternativa da cultura galega e se complementa con www.granxafamiliar.com, ambas as dúas concebidas como unha expresión cultural de compromiso co desenvolvemento sostible de Galicia. Así describe o grupo de investigación GIST-IDEGA da USC e a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar esta web experimental para a promoción de novas formas de turismo alternativo en Galicia que acaba de estrearse na rede.

Os contidos de http://www.galiciaautentica.org/ foron deseñados e definidos a partir da colaboración entre técnicos e investigadores do Gist-Idega e unhas trinta familias galegas, que xa participan no proxecto de granxafamiliar.com. Os encontros, reunións e traballos de campo realizáronse durante os últimos dous anos en diversidade de cidades, vilas, parroquias e aldeas galegas. A día de hoxe www.galiciaautentica.org ofrece rutas etnográficas por toda a xeografía de Galicia, mostrando en pequenos vídeos, sons e fotografías dixitais a cultura galega e a súa natureza diferencial.

Para a súa elaboración un equipo de seis investigadores percorreu a xeografía das diferentes comarcas galegas capturando e dixitalizando pequenos trazos a modo de flashes da vida diaria dos galegos e galegas co obxectivo de difundilo en Internet. O seguinte paso que se está a acometer é a ‘xeorreferenciación’ deste arquivo multimedia dixital a partir de Google Maps para a súa difusión en redes sociais a través de Internet, ofrecéndose igualmente a través de canles propios en Youtube e Facebook.

Deste xeito dende o grupo de investigación Gist presentamos unha Galicia Auténtica, descoñecida e atractiva diante da mirada de potenciais visitantes, turistas e viaxeiros con interese por coñecer Galicia e a nosa cultura. Concibido como un Museo de Rutas Etnográficas, preténdese mostrar a xeografía cultural galega de forma innovadora e creativa, difundindo todos os aspectos que nos caracterizan como un pobo orixinal e diferente no contexto español e internacional.

Neste senso, o Museo Virtual de Rutas Etnográficas de Galicia dispoñible en www.galiciaautentica.org mostra en formato multimedia aqueles aspectos da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio que permiten obter unha auténtica visión alternativa da xeografía cultural de Galicia.

O proxecto agora aberto ao público en xeral baséase na cooperación entre diversas entidades que teñen como obxectivo impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia. Ademais de Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF) e do Grupo de Investigación GIST-Idega da USC, colaboraron nesta iniciativa Feiraco, a Xunta de Galicia, Cáritas, Caixa Galicia e os concellos de Brión, Antas de Ulla e Lalín.

ADAF e o Grupo GIST da USC buscan con esta iniciativa chamar a atención dos cidadáns, impulsar a reflexión interna na sociedade galega e incentivar a mirada externa sobre a nosa idiosincrasia e os nosos referentes etnográficos. En conxunto, queremos comezar a construír creativamente unha versión alternativa dos tópicos turísticos e chamar a atención dos visitantes para que percorran a nosas aldeas e parroquias, vilas e cidades.

O proxecto está agora aberto á iniciativa de calquera persoa ou colectivo que desexe crear e difundir unha ruta orixinal en calquera concello ou comarca galega. O sistema foi creado a partir dos principios da comunicación bidireccional e da web social, ofrecendo a posibilidade de editar na web rutas creadas por calquera persoa que percorra Galicia a través da opción Axúdanos a Medrar.

Fonte: http://www.gist.es