Oficina CEER
 19-07-2012
CAMPUS DO MAR ACADA PRETO DE 900.000 EUROS EN EUROPA PARA INCORPORAR INVESTIGADORES POSTDOUTORAIS

A convocatoria COFUND completarase con 1,3 millóns que achegará o propio campus.

Realizaranse 10 contratos de tres años a doutores procedentes do estranxeiro.

A necesidade de Campus do Mar, unha vez transformado en Campus de Excelencia Internacional, de incorporar investigadores postdoutorais coa finalidade de enriquecer os grupos de investigación e avanzar na formación de redes Internacionais, encaixou á perfección na convocatoria do programa COFUND da Unión Europea que ten o obxectivo de co-financiar, ata un máximo dun 40%, programas de contratación de investigadores que impliquen mobilidade transnacional.

A proposta presentada por Campus do Mar que permitirá contratar durante tres anos a 10 doutores procedentes do estranxeiro, así como a españois que leven tres anos fóra do país, acadou a través do programa COFUND os 900.000 euros solicitados, unha cantidade á que se sumarán os 1,3 millóns de euros que achegará o propio campus para completar así o total do financiamento do proxecto que ascende a 2,2 millóns. “Este é o camiño a seguir”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustino Mato en relación a un proceso que asegura “é un exemplo de que sos non somos nada e xuntos podemos facelo todo” ademais de que “nos permite visibilizarnos en Europa cunha potencia enorme”. Nunha comparecencia ante os medios na que estivo acompañado polo director de Campus do Mar, Emilio Fernández e polas directoras das áreas de Captación de Talento, Elsa Vázquez e de Xestión, Regina Carrera, o reitor referiuse a Campus do Mar como un neno nacido hai un ano e medio que “ xa empezou a comunicarse e que continuará evolucionando como un ser vivo”. Mato insistiu ademais na intención da Universidade de seguir liderando iniciativas orientadas a aumentar a masa crítica no país “para poder medrar, e para medrar no mundo hai que ser vistos e recoñecidos en Bruselas”, asegurou.

Un logro moi difícil.
Tanto Vázquez como Mato destacaron o mérito acadado pola Universidade de Vigo nese proceso de concorrencia competitiva ao ser quen de situarse no segundo posto da relación de 33 propostas aprobadas nesta convocatoria do programa COFUND, “algo moi difícil”, explicou o reitor nun proceso no que as taxas de éxito están arredor do 20%”. Entre os méritos que os avaliadores da proposta de Campus do Mar destacaron está, segundo sinalou Elsa Vázquez “a potencialidade do campus para formar investigadores de alto nivel”.

O custo total de cada un dos 10 contratos que ser poderán realizar co financiamento acadado a través de COFUND e dos recursos achegados polo Campus do Mar é de 57.000 euros brutos anuais e estas contratacións permitirán potenciar áreas concretas dos socios de Campus do Mar, aos que ademais das tres universidades galegas e o IEO tamén se suma neste caso AIMEN. “Agora estamos en negociacións coa UE para definir que áreas se queren priorizar e ás que irán dirixidas esas contratacións”, explica Elsa Vázquez que confirma que o proceso concluirá coa incorporación dos investigadores postdoutorais no ano 2014.

Fonte: duvi.uvigo.es