Oficina CEER
 25-10-2007
Estudantes de Medicina de España e Portugal reúnense desde hoxe na Universidade de Santiago

Estudantes universitarios de Medicina de España e Portugal reúnense na Universidade de Santiago dende este mércores e ata o sábado 27 nun congreso no que expoñerán os seus traballos de investigación realizados nos seus respectivos departamentos.

O Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina (CibEMe) inaugúrase este mércores 24, ás 17:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina, nun acto ao que asisten o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, Germán González; o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán; o decano da Facultade, José Mª Fraga; o xerente do CHUS, Jesús Caramés; o xerente do Hospital Policlínico La Rosaleda, Rafael Silva; o presidente do comité científico de CibEMe, José R. González; e o presidente do comité organizador, Mário Rui Gonçalves.

Deseguido, terá lugar unha sesión de traballo sobre as perspectivas laborais do médico na Península Ibérica e na UE para continuar, ás 18:30 horas, coa conferencia inaugural ‘Investigación traslacional en Cardioloxía’ a cargo do profesor Ginés Sanz, do Centro Nacional de Investigación Cardiovascular de Madrid.

O CibEMe

CibEMe, ao que asisten alumnos españois e portugueses de dez universidades da Península, é o primeiro e único congreso de estudantes de Medicina exclusivamente ibérico que nace coa finalidade de permitir unha maior cooperación entre as Facultades de Medicina, os centros de investigación e as comunidades científicas de ambos os dous países.

A pretensión dos organizadores é que a actividade investigadora e o desenvolvemento científico poidan traducirse, no futuro, nunha mellora das capacidades técnicas e humanas dos médicos e investigadores e, consecuentemente, “no avance e no descubrimento de novas e máis eficaces terapias e vías de tratamento en aras de mellorar o servizo prestado aos pacientes e á comunidade”.

Programa do xoves 25

O programa propiamente académico dará comezo este xoves 25 cunha xornada dedicada exclusivamente á oncoloxía. Así, e logo dunha breve presentación, inaugurará a sesión ás 9:15 horas o xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS, Rafael López, coa conferencia ‘Presente e futuro da oncoloxía’. Deseguido terá lugar unha serie de relatorios sobre a evolución da investigación clínica en oncoloxía, os riscos e beneficios das radiacións ou os coidados paliativos, entre outras cuestións, para dar paso, ás 13:00 horas, á presentación das comunicacións orais que optan ao Premio CibEMe.

‘Estres, esencia da vida ou bico da morte’ é o título do debate no que, a partir das 16:30 horas, participarán os profesores da USC Julio Breña, Manuel Freire-Garabal e María Jesús Núñez. O carcinoma de mama, o cancro de cabeza e colo, o tratamento laparoscópico do cancro ou a bioloxía molecular serán as cuestións a tratar nas conferencias que seguen durante o xoves.