A Universidade da Coruña e Europe Direct, da Deputación da Coruña, organizan o Foro Xuventude en Movemento que terá lugar os vindeiros 16, 17 e 18 de outubro no campus de Elviña.
Este foro preséntase cun innovador formato, un programa moi atractivo e ameno e diferentes obradoiros para afondar no apoio ao estudantado, aos titulados e tituladas e aos novos emprendedores e emprendedoras na procura de formación axeitada ás necesidades do actual mercado laboral, na busca activa e efectiva de emprego e no emprendemento para todos aqueles que desexen lanzarse á aventura empresarial.
Así, susténtase sobre tres alicerces fundamentais: formación, emprego e emprendemento, e está aberto non só á comunidade universitaria, senón tamén a persoas interesadas en incrementar as súas habilidades de comunicación, en estudar ou desenvolver a súa profesión noutro país da Unión Europea e todas aquelas que desexen pór en marcha o seu proxecto. E todo cun formato ameno, directo e no que se incluirán numerosos obradoiros, performances e actividades lúdicas.
As sesións desenvolveranse baixo o lema “Emprégate a fondo, participa, emprende o teu futuro”, e cada unha das xornadas estará vinculada a un deses tres elementos. Centrada no primeiro deles, “Emprégate a fondo”, a sesión inaugural comezará o martes, día 16 de outubro, ás 10.00 horas na Facultade de Economía e Empresa coa inauguración oficial a cargo do reitor da UDC, Xosé Luís Armesto; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo. A continuación sucederase a presentación da iniciativa interxeracional titulada “A Avoa Europea”, a cargo da Univdersidade Senior da UDC. O acto inaugural pecharase cunha coreografía a cargo da Aula de Danza da UDC.
Tamén na Facultade de Economía e Empresa, que xunto co Pavillón de Estudantes comparte a sede do foro, desenvolveranse durante esa xornada diversos obradoiros dedicados a persoas que queiran traballar noutros países da Unión Europea, os recursos para a busca de emprego nos concellos da Coruña e Ferrol ou unha charla sobre os perfís máis demandados polos directores de recursos humanos. A sesión pecharase cun obradoiro sobre a teatralidade como estratexia de venda persoal.
Na segunda xornada, que se celebrará o 17 de outubro, os temas vincularanse ao lema “Participa a tope”, e comezarán cunha sesión sobre a procura de bolsas, prácticas ou voluntariado, para continuar co seminario titulado “Dime a onde vas e saberás como”, no que se presentará un modelo de planificación de carreira para axudar na identificación e consecución dos obxectivos profesionais. No seguinte seminario, titulado “Coñécete-véndete”, ofrecerase asesoramento sobre simulación de entrevistas de traballo. Tamén se celebrarán sesións sobre a busca de emprego en inglés ou o voluntariado europeo. Un dos obradoiros máis atractivos será o titulado “Como darlle forma ao que teño na cabeza”, no que aproveitando unha historia ficcionada, seguiranse unha serie de fitos que van desde a idea ata o proxecto de éxito.
Finalmente, na xornada do 18 de outubro, centrada no tema “Emprende o teu futuro”, ofreceranse obradoiros como o titulado “Atopar traballo vs. Poñer en marcha o meu proxecto”, no que dous expertos realizarán unha análise comparada destas dúas vías de desenvolvemento profesional. Tamén ofreceranse seminarios sobre como obter financiamento para ideas empresariais e realizar un plan de empresa, e falarase a nivel práctico de experiencias de éxito no eido do emprendemento, concretamente das spin off do Viveiro de empresas da UDC. Nesta sesión falarán da súa experiencia diversos emprendedores que puxeron en marcha a súa idea. O obradoiro de clausura levará por título “Impulsando emprendedores: un soño feito realidade”. Toda unha mensaxe positiva e de forza e enerxía para pechar un encontro que resultará de vital importancia para aclara dúbidas, xerar ideas e acadar a motivación tan necesaria nestes días para desenvolverse no mundo laboral.
O foro Xuventude en Movemento incluirá tamén un ciclo de seminarios de orientación profesional titulados “Coñécete-Véndete-Preséntate” e organizados en colaboración coa Escola de Negocios Novacaixagalicia. Ao longo de tres seminarios de catro horas de duración abordarase todo o proceso de procura de emprego: desde a definición das competencias profesionais e adecuación “persoa-posto”, o proceso de procura de oportunidades e cómo enfretarse con éxito a unha entrevista de traballo.
Máis información en http://xuventudeenmovemento.eu/
Fonte: udc.es