Oficina CEER
 26-09-2012
OS REPRESENTANTES DOS CONSELLOS SOCIAIS LAMENTAN A FALLA DE CULTURA DE MECENADO EXISTENTE EN ESPAÑA

Vigo acolle por primeira vez a celebración do Comité Executivo, ata agora centrado en Madrid.

Durante a reunión presentouse un manual de protocolo con selo vigués.

O presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, Joaquín Moya-Argeler, lamentou en Vigo a falta de cultura de mecenado que padece España, pese a que a universidade española produce “boa ciencia e barata”, explicou Moya-Argeler , que subliñou que “desgraciadamente” aquí non hai tradición de financiamento por parte de capital privado e fiscalmente esta figura tampouco está ben tratada. Moya-Argeler, en cuxo currículo destacan cargos como o de presidente da Confederación Tecnolóxica de Andalucía, fixo estas declaracións ao fío da xuntanza que mantén en Vigo o Comité Executivo da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, asociación que aglutina aos Consellos Sociais das universidades públicas e privadas españolas.

“Só a Universidade de Salamanca ten unha Lei de Mecenado e Doazóns que funciona”, salientou respecto ao tema do financiamento privado Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, que explicou que no caso de Vigo se están dando pasos para tentar, na medida do posible, solucionar esta carencia. “A través da Fundación Universidade de Vigo e do propio Consello Social iniciamos xa unha campaña de intento de captación de fondos que xa empezou a dar os seus primeiros froitos a través das doazóns de carácter científico”, subliñou Pedrosa tras ser recibidos polo reitor, Salustiano Mato, con quen intercambiaron opinións sobre as liñas estratéxicas nas que traballan actualmente os diferentes consellos sociais das universidades españolas.

Ademais do encontro co reitor, durante a súa estancia en Vigo os membros do comité executivo tiveron ocasión de coñecer de preto as instalación de Campus do Mar e de Citexvi, “exemplo palpable dos esforzos que fai esta Universidade pola investigación, o desenvolvemento e a creación de emprego”, subliñou Ernesto Pedrosa, que adiantou que o programa da visita inclúe tamén unha visita, xa pola tarde, á Estación das Ciencias Mariñas de Toralla.

Primeiro Manual protocolario dos Consellos Sociais españois Elaborado polo Consello Social da Universidade de Vigo en colaboración co profesor Fernando Ramos, na orde do día da xuntanza destacou a presentación do primeiro Manuel protocolario dos Consellos Sociais españois, un documento pioneiro no que se definen un amplo abano de suxestións de aplicación xeral, flexible e indicativo, que posibilitará un marco común para incrementar a visibilidade dos consellos sociais a nivel nacional.

“Non é unha ciencia exacta pero vainos a servir de base”, subliñou Ernesto Pedrosa, que fixo fincapé en que o documento recompila toda a normativa existente ao respecto e desenvolve unha serie de orientacións aplicables a nivel nacional, o que facilitará que os consellos sociais poidan homologar a precedencia dos seus presidentes en actos oficiais dentro e fóra do ámbito universitario e disporán dun texto que lles vai servir de guía para dar visibilidade aos acontecementos oficiais.

“Pontes entre a sociedade civil e a universitaria” “Pontes entre a sociedade civil e a universitaria”, como subliñou Moya-Argeler, o Comité Executivo dos Consellos Sociais aproveitou a reunión para pórse ao día nas diferentes liñas nas que están a traballar, entre as que destacaron: introducir melloras no goberno das universidades, ser mediadores e incentivar o diálogo ante as reformas universitarias que se están levando a cabo e propiciar un incremento da transferencia de coñecemento entre o mundo da empresa e a universidade.

Ademais, na xuntanza, que se celebrou no Edificio Miralles, abordáronse diferentes cuestión como as actividades realizadas ao longo de 2012, a celebración das próximas xornadas da conferencia, así como o informe sobre a aplicación das contas de 2012.

Fonte: duvi.uvigo.es