Oficina CEER
 28-09-2012
A UDC CREA O CENTRO DE ESTUDOS DE XÉNERO E FEMINISTAS

A Universidade da Coruña acordou esta mañá en sesión de Consello de Goberno crear o Centro de Estudos de Xénero e Feministas como espazo universitario de reflexión, debate e investigación para os estudos de xénero, en liña coas recomendacións da Comisión Europea nesta materia. Segundo explicou a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, no transcurso da sesión, este centro “ten como finalidade coordinar, fomentar e difundir os estudos de xénero de forma interdisciplinar e con carácter aberto a toda a comunidade universitaria”. De feito, sinalou Torres, “a Lei de Igualdade estatal aconsella a creación de centros de estudos feministas, de xénero e de historia das mulleres nas institucións universitarias e, así mesmo, a necesidade de creación destes centros de investigación en estudos feministas e de xénero figura no borrador do VI Novo Plan de Igualdade galego que se encontra en fase de alegacións”.

A Universidade da Coruña aglutinará neste centro, que estará situado no Pavillón de Estudantes, no Campus de Elviña, as investigacións que traballan esta materia desde puntos de vista moi diferentes como a socioloxía, a economía ou o dereito.

O Consello de Goberno aprobou ademais outros puntos da orde do día de carácter máis académico.

Fonte: udc.es