Oficina CEER
 01-10-2012
PRESÉNTASE EN CIENCIAS ECONÓMICAS UNHA NOVA EDICIÓN DO CURSO DE INNOVACIÓN 360º

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) colabora coa Fundación da Innovación Bankinter no desenvolvemento dunha nova edición do Curso de Innovación 360º do programa Akademia. Esta iniciativa preséntase á comunidade universitaria este martes 2 nunha sesión informativa a partir das 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

O curso busca estimular unha actitude proactiva en innovación e espertar o espírito emprendedor, proporcionando unha visión global da innovación e o acceso a novas tecnoloxías como un medio natural e próximo, ao tempo que fomentar a xestación e adaptación ao cambio. O programa deseñado permitirá ao alumnado desenvolver as habilidades en innovación en distintos niveis; sensibilizar acerca da innovación como a actitude necesaria para lograr vantaxes competitivas sostibles nas organizacións; e orientar e espertar inquietude por aprender.

É unha acción formativa gratuíta que se ofertará a 30 estudantes da USC (de último ano de carreira, máster e posgrao). As persoas interesadas deben enviar unha carta de motivación e o seu currículo antes do 15 de outubro, indicando como asunto "Akademia USC" ao seguinte correo: akademiafibk@bankinter.es. Para acadar máis información, está dispoñible a web http://www.fundacionbankinter.org.

Fonte: xornal.usc.es