Oficina CEER
 02-10-2012
O PRIMEIRO ZAPATO BIODEGRADABLE BOTA A ANDAR

O grupo de Biotecnoloxía Ambiental colabora no proxecto cunha empresa valenciana e a marca Snipe.

Está fabricado con materiais 100% orgánicos e convértese en compost para que poida ser devolto á terra.

Snipe100 é 100% biodegradable e fabricado con materiais 100% orgánicos. Nesta fórmula reside a novidade deste innovador zapato, que en cuestión de meses convértese en compost e pode ser devolto á terra pechando así o ciclo dos nutrientes e converténdose en algo útil. Este primeiro zapato biodegradable que se fabrica no mundo é froito do traballo coordinado de grupos de investigación e empresas, entre eles o grupo de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Vigo, encargado das probas piloto e das análises do produto.

Domingo Pérez é un dos investigadores que explica que o innovador deste proxecto son os materiais a compostar, xa que “un zapato normal adoita estar feito de materiais orgánicos como coiro ou algodón, pero tamén de materiais inorgánicos fabricados na industria petroquímica como as soletas de gomaespuma ou a sola de plástico”. Segundo o investigador, estes materiais inorgánicos non poden ser tratados mediante técnicas biolóxicas coma a compostaxe, xa que non se degradan e, polo tanto, “o seu destino adoita ser o vertedoiro”. A diferenza que presenta este modelo de calzado de Snipe é que todos os materiais empregados son biodegradables, incluso as soletas e as solas.

A complexidade deste proxecto é que os zapatos non poden ser “demasiado” biodegradables, como apunta Pérez, “ou o zapato podreceríase só”. Por iso se buscaron materiais que estean “no termo medio”, que aguanten perfectamente durante toda a vida útil do calzado, pero que unha vez pasada esta, permita a súa biodegradación.

O papel dos investigadores vigueses.
Domingo Pérez explica que a idea xurdiu grazas a Ramón Plana, experto en compostaxe que formou parte do grupo de investigación anos atrás. El foi quen puxo en contacto aos investigadores vigueses coa empresa valenciana que promove o proxecto e con Snipe, que fabrica o calzado. O papel da Universidade de Vigo no proxecto consistiu na realización das probas piloto e das análises, mentres que as probas a escala industrial se realizaron nunha planta de Barcelona.

Domingo Pérez explica que o grupo de Biotecnoloxía Ambiental desenvolveu dúas liñas de traballo fundamentais neste proxecto. Por un lado, as probas piloto de compostaxe nun biorreactor, deseñado e patentado pola propia Universidade. “Estas probas estiveron encamiñadas a ensaiar diferentes condicións de control do proceso de compostaxe, de xeito que se puido atopar a configuración máis axeitada para a compostaxe destes materiais, e así deseñar a proba industrial dun xeito óptimo”. Esta parte do proxecto supuxo un considerable aforro de tempo e custe, xa que o biorreactor piloto leva a cabo o proceso de compostaxe nunhas catro semanas, mentres que unha proba industrial adoita levar varios meses.

Por outra banda, os investigadores vigueses tiñan ante si un reto importante, adaptar as técnicas de preparación de mostras a este tipo de material. Pérez destaca que materiais coma os empregados neste proxecto son moi difíciles de triturar e homoxeneizar, “o que fai imposible empregar as técnicas convencionais de preparación de mostras e houbo que ensaiar outros métodos coma a crioxenización en nitróxeno líquido”.

O resultado sae ao mercado este mes e os promotores están tan convencidos da súa aceptación que na presentación pública do produto en Alemaña repartiron entre os asistentes un gazpacho elaborado con produtos nutridos co compost dos zapatos. Snipe comercializará en principio un só modelo unisex dos zapatos e nunha soa cor cun prezo que roldará os 150 euros, pero pensado xa en ampliar a gama para o vindeiro verán.

Fonte: duvi.uvigo.es