Oficina CEER
 02-10-2012
AS UNIVERSIDADES GALEGAS RECIBIRÁN TRES MILLÓNS DE EUROS PARA INFRAESTRUTURAS DE INVESTIGACIÓN

Este luns asinouse o convenio coa Consellería de Educación.

O Consello Galego de Universidades sitúa en 10 o mínimo de alumnos matriculados en mestrados profesionalizantes.

Os reitores das universidades de A Coruña,Santiago e Vigo, Xose Luís Armesto, Juan Casares e Salustiano Mato, respectivamente, asinaron este luns co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, tres convenios de colaboración a través dos que o goberno autonómico dota cada unha das universidades galegas cun millón de euros para o financiamento das infraestruturas científico-tecnolóxicas de investigación.

Esta achega facilitará a cada unha das universidades galegas o financiamento dos gastos de equipamento dos grupos e centros de investigación, tales como material, gastos de reparación e mellora dos centros e laboratorios vinculados á actividade investigadora, entre outros. Deste xeito, as institucións universitarias promoverán o desenvolvemento de actividades que relancen a calidade da actividade investigadora nos seus respectivos centros, co fin de convertelos en centros de referencia e excelencia na produción científica, cunha importante capacidade competitiva e de transferencia á sociedade.

Como apunta a administración autonómica e como lembrou na súa visita á Estación das Ciencias Mariñas de Toralla o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o pasado 21 de setembro, este investimento supón unha nova aposta pola I+D desenvolvida no Sistema Universitario de Galicia (SUG) e “por establecer as bases dunha Galicia cunha economía que teña o coñecemento, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico como liñas de progreso”.

Esta actuación vai enmarcada no Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), que marca como obxectivo prioritario estimular o crecemento económico e social de Galicia mediante o impulso e a consolidación do seu capital científico e tecnolóxico. Para isto, o Plan establece nos seus eixes estratéxicos 2 e 3 a necesidade dunha maior estruturación do sistema público de investigación, de maneira que se cree unha contorna favorable á investigación, que garanta a eficiencia operativa e financeira.

O Consello Galego de Universidades rebaixa o número mínimo de matriculados en mestrados.
Na súa derradeira reunión da lexislatura o Consello Galego de Universidades (CGU) acordou facer unha laxa da redacción da Disposición transitoria terceira do Decreto de Titulacións, no senso de rebaixar a esixencia de número mínimo de alumnos matriculados a 10, nos casos de máster que na súa memoria tiñan destacado o seu carácter mixto académico e profesional e non exclusivamente o carácter investigador. O vindeiro curso estes mesmos estudos deberán afrontar as modificacións que estimen oportunas para acadar o mínimo de 20 alumnos para poder impartirse. Outra excepción acordada foi a de permitir a impartición daqueles máster que, aínda que non chegaran ao mínimo de estudantes matriculados esixidos pola norma, sexan habilitantes para o exercicio dunha profesión regulada así como aqueles que sexan a única continuación natural de formación de posgrao para unha titulación.

Asi, o Consello confirmou que 122 títulos de máster están en condicións de iniciar a súa impartición no curso 2012-13, por ter acadado o número mínimo esixido de alumnos matriculados, segundo estes parámetros. Quedan pendentes dunha decisión final sobre a súa impartición neste curso, un grupo de vinte e cinco máster que aínda non acadaron a demanda mínima establecida no decreto. Deberán acadala antes do remate do respectivo período de matrícula en cada universidade (entre o 10 e o 15 de outubro). De non ser así, non poderán impartirse no presente curso 2012-13.

Por outra banda neste encontro informouse tamén das 15 titulacións de máster que serán revogados xa que non se tiveron impartidos durante dous cursos consecutivos e polo tanto incumprían coa normativa. Outros 15 son retirados da oferta para este curso, por petición expresa das universidades respectivas.

Fonte: duvi.uvigo.es