Oficina CEER
 03-10-2012
RESCATADO DE TER QUE EMIGRAR

O ex alumno da UVigo Pablo Pedrido consegue o seu primeiro emprego grazas a unha orixinal campaña publicitaria.

Puxérase un prazo de 30 días para recibir algunha oferta, senón marcharía fóra de España.

O que a segue, consíguea. Pablo Pedrido titulárase recentemente en Publicidade e Relacións Públicas e tras unha primeira procura de emprego pouco frutífera, decidiu probar dun xeito máis orixinal creando no pasado mes de xuño unha campaña virtual, rescataunespañol.com, unha páxina web na que presentaba dunha forma moi visual o seu currículo e as súas propostas creativas, póndose como límite 30 días para ser contratado, senón veríase na obriga de emigrar fóra de España. Pero non fixo falla, o proxecto deu os seus froitos e Pedrido foi finalmente “rescatado” por unha axencia de publicidade catalá, globally.es, que coñeceu esta iniciativa a través dos medios de comunicación.

Tras uns primeiros meses de incerteza tras titularse, Pablo Pedrido confesa sentirse “moi contento” polos resultados acadados coa campaña que deseñou “pois o que era soamente unha idea con moi pouco orzamento conseguiu facerse realidade”. Aínda a voltas coa mudanza, pois finalmente tivo que “emigrar” de Vigo a Barcelona, este ex alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra irradia optimismo e confianza “xa que nunha profesión como a publicidade, na que vivimos de ideas, que unha iniciativa propia e illada logre máis ou menos cumprir o obxectivo é todo un éxito”, declara. Fai un balance moi positivo da experiencia, “a verdade é que non puido ir mellor, conseguín o meu primeiro emprego”, resalta e agradécelle o tempo dedicado a todos e todas que colaboraron na difusión da campaña, “porque sen eles, o resultado tería sido ben distinto”.

“Salvado” no último día de campaña.
Pedrido acábase de incorporar como executivo de contas da axencia de comunicación globally.es hai menos dunha semana e admite sentirse “encantado” co traballo. Dende a axencia declararon que non foi ata o último día da campaña cando coñeceron da existencia de Pedrido, grazas á difusión da súa iniciativa nos medios de comunicación e nas redes sociais. “Contactamos con Pablo a través de Facebook, entrevistámolo e consideramos que a súa creatividade e frescura encaixaba perfectamente coas novas formas de comunicar que esixe o mercado nestes momentos”, explica Micky Ribera, director xeral da Área de Desenvolvemento da empresa.

Pablo Pedrido quere que esta experiencia devolva optimismo e esperanza “aos que se atopen na mesma situación que estaba eu hai uns meses”, subliña. Considera que o máis importante é non caer no desánimo a pesar da actual situación de incerteza laboral, “pois con creatividade e ganas é posible destacar”, conclúe.

Fonte: duvi.uvigo.es