Oficina CEER
 18-10-2012
AS POLÍTICAS DE EMPREGO E A DISCRIMINACIÓN LABORAL, DEBATIDAS POR EXPERTOS INTERNACIONAIS

Nun seminario internacional coordinado polos profesores Jaime Cabeza e Francisca Fernández.

Un dos temas centrais é a reforma laboral aprobada este ano polo Goberno.

Con máis de 4.705.279 parados en España, as políticas de emprego convértense nunha prioridade para que o tecido produtivo recupere os índices de inserción laboral dunha sociedade avanzada. As relacións laborais, a discriminación, as estratexias europeas de emprego ou a intermediación laboral son algúns dos temas que docentes e investigadores de universidades españolas e estranxeiras debaten no Seminario Internacional sobre Políticas de Emprego, que se desenvolve entre hoxe e mañá xoves no Club Financiero de Vigo. O catedrático Jaime Cabeza e a profesora Francisca Fernández son os organizadores destas xornadas que se enmarcan nun “proxecto de investigación con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación sobre a conciliación e o emprego”, como explica Cabeza.

Se no pasado ano se desenvolveu un workshop centrado na conciliación, desta volta o campo de traballo dos expertos é o emprego. O catedrático destaca que se trata de “dar un enfoque transversal de emprego, que parte das políticas da Unión Europea, tanto as que promove a Comisión Europea como o as que proceden do Parlamento Europeo”. Nestas dúas xornadas de traballo analizaranse tamén as experiencias de algún estado próximo como Portugal e centraranse nos aspectos fundamentais do mercado de traballo, con especial fincapé “na non discriminación laboral”.

Pero o contexto actual de crise marca significativamente estas xornadas e os asistentes abordarán os seus efectos no mercado do traballo. Jaime Cabeza explica que tanto “a crise como a reforma laboral aprobada neste 2012 van ser dende logo obxecto de análise, en particular a Lei 3/2012 que inflúe na mellora ou no empeoramento das expectativas laborais da xente desempregada e de mantemento do empregos das activas”.

A crise e a discriminación, no centro do debate.

Tras a inauguración, da man da vicerreitora de Investigación, Asunción Longo e da directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, a primeira intervención correu a cargo de Ignacio Camós, membro da representación permanente de España ante a UE, que afondou nas políticas e programas de emprego desenvoltos pola Comisión Europea. A mañá completouse con análises do papel do Parlamento Europeo e cun achegamento á experiencia portuguesa. Os relatorios vespertinos centráronse na non discriminación no emprego, nas relacións laborais e no papel das axencias multinacionais de emprego.

Na xornada de mañá terá lugar unha mesa redonda sobre as políticas de emprego nun contexto de crise, na que se abordarán as disfuncións do Sistema Nacional de Emprego, así como a Estratexia Europea de Emprego, achegando tamén as políticas de emprego en América Latina en xeral, e o caso chileno en participar.

Entre as comunicación e debates que terán lugar na segunda xornada, tras a mesa redonda, os asistentes tratarán aspectos máis concretos como a intermediación laboral, a discriminación por idade e discapacidade, a xubilación, o estímulo do autoemprego, as mulleres empresarias no medio rural, a mobilidade laboral, a reciclaxe e recolocación dos traballadores, a inserción laboral da mocidade, a flexibilidade horaria e laboral ou os novos modelos económico-laborais nos países emerxentes nun contexto de globalización. Un compendio de temas que marcan o presente e o futuro do panorama laboral actual e que poderían marcar as pautas para un cambio de modelo que leve a diminuír as eivas das relacións laborais e a aumentar a taxe de empregabilidade.

Fonte: duvi.uvigo.es