Oficina CEER
 31-10-2012
PREMIO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NA UDC

O xurado do II Concurso de Traballos Académicos Redactados en Lingua Galega vén de outorgar os seus premios aos mellores traballos académicos desenvolvidos en galego polo alumnado co fin de contribuíren, deste xeito, a promover o uso do idioma en contextos científico-técnicos. O primeiro premio deste certame convocado polas comisións de normalización lingüística da Escola Politécnica Superior e a Escola Universitaria Politécnica da Universidade da Coruña (campus de Ferrol) en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística desta universidade, declarouse deserto.

Con respecto ao segundo premio, dotado con 400 euros, foi concedido ao traballo titulado Enerxía eólica offshore, da materia Xestión e Administración de Empresas. O autor deste traballo é Anxo Méndez Amenedo. O terceiro premio, dotado con 200 euros, foi para ao traballo Accidente de Chernobyl. Consecuencias, da materia Tecnoloxía Nuclear. A autora deste traballo é Alba Cerqueira León. O xurado valorou especialmente o interese e orixinalidade dos traballos, a calidade e rigor da metodoloxía empregada, a corrección no uso da lingua galega e calidade da redacción, a corrección no uso da terminoloxía propia da especialidade e a estruturación e presentación dos contidos. Os encargados de fallar os premios foron Ramón Manuel Yáñez Brage, responsable da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior, que actuou como presidente do xurado, así como os vogais Marcelino Ladra González, responsable da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Universitaria Politécnica: Ana Jesús López Díaz, membro da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior; Beatriz Regueira Guntín, membro da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior, e Vicente Fernández Jiménez, membro da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Universitaria Politécnica. A secretaria por delegación da directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, foi Sara Pino Ramos, técnica deste servizo.

As comisións de normalización lingüística son unidades de traballo, con representación dos tres sectores da comunidade universitaria, que teñen como finalidade servir de nexo entre o Servizo de Normalización Lingüística e as distintas facultades e escolas para garantir, no seu ámbito de actuación, a implementación das medidas establecidas no Plano de normalización lingüística da Universidade. Arestora a UDC conta con 16 comisións de normalización lingüística repartidas entre os seus campus da Coruña e Ferrol.

Fonte: udc.es