Oficina CEER
 13-11-2012
XORNADA SOBRE LEXISLACIÓN DO MEDIO MARIÑO NA FACULTADE DE DEREITO

O Salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acollerá o venres, 16 de novembro, a xornada sobre “Novidades lexislativas no ordenamento do medio mariño e costeiro”, organizadas no marco do Campus do Mar e que serán inauguradas ás 13:30 horas polo seu director, Emilio Fernández Suárez.

No acto presentarase a obra colectiva titulada “La ordenación jurídica del Medio Marino en España: estudios sobre la Ley 41/2010 de protección del medio marino”. Participarán nesta presentación, ademais do director do Campus do Mar, o prologuista da obra e catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid, Ángel Menéndez Rexach, así como Francisco Javier Sanz Larruga, codirector da obra, catedrático de Dereito Administrativo e director do Observatorio do Litoral da UDC, e Asensio Navarro Ortega, coordinador da obra e investigador do Departamento de Dereito Administrativo da Universidade de Granada.

As sesións reanudaranse pola tarde, a partir das 16:30 horas, coa conferencia sobre a reforma da Lei de Costas, baixo o título “Un xiro cara o dominio privado marítimo-terrestre”, a cargo de Ángel Menéndez Rexach. Ás 18:00 horas iniciarase unha mesa redonda sobre o “Potencial da incidencia da reforma da Lei de Costas sobre a Comunidade Autónoma de Galicia”, moderada por Francisco Javier Sanz Larruga, e na que participarán, ademais de Menéndez Rexach, a directora do departamento xurídico do Instituto de Estudos Territoriais da Xunta de Galicia, Lola Méndez Torres, e a profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Marta García Pérez.

Fonte: udc.es