Oficina CEER
 19-11-2012
A USC E A FUNDACIÓN VODAFONE BUSCAN TALENTO ENTRE O COLECTIVO PREUNIVERSITARIO

A USC organiza o primeiro Campionato de España de Modelado 3D de Precisión con Móbil e continúa co programa Estalmat de estímulo matemático.

Potenciar o talento científico entre alumnado de secundaria e bacharelato é o propósito de dúas iniciativas que lidera a Universidade de Santiago de Compostela e para as que a Fundación Vodafone España brinda o seu apoio, que se materializou este venres na sinatura de dous acordos por parte do reitor Juan Casares e do director xeral da Fundación, Santiago Moreno. Deste xeito, asegúrase o apoio da Fundación ao primeiro Campionato de España de Modelado 3D de Precisión con Móbil, un proxecto pioneiro da USC financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) que pretende fomentar as vocacións científicas do alumnado de 4º de ESO e Bacharelato de todo o país mediante unha técnica denominada ‘fotogrametría’ que permite obter modelos 3D da realidade a partir de fotografías realizadas coa cámara dos teléfonos móbiles e mediante un sinxelo programa informático. Ademais de medios económicos, a Fundación achega ao proxecto o seu coñecemento das TIC e en concreto da telefonía móbil.

Os modelos 3D de precisión, como explicou o profesor Juan Ortiz que dirixe o proxecto, son figuras virtuais que representan fielmente a realidade e que teñen múltiples aplicacións como, por exemplo, a medición en deportes como a F1 ou o ciclismo, a creación de efectos especiais ou a conservación do patrimonio cultural. O certame busca simular e estimular a capacidade investigadora dos escolares mediante unha competición por equipos que desenvolverán modelos 3D virtuais a escala usando instrumental moi familiar para eles como o teléfono móbil, un ordenador persoal e o web. O apoio da Fundación Vodafone irá destinado a iniciativas dentro do campionato dirixidas á promoción de tecnoloxías accesibles no contorno móbil.

Renovación de Estalmat.
Por outra banda, asinouse o convenio que permite continuar coa colaboración nos cursos 2012-2013 e 2013-2014 no Programa Estalmat-Galicia que ten por obxecto detectar, estimular e orientar, ao longo de dous cursos, o talento matemático excepcional duns 25 estudantes (de 12 e 13 anos) mediante unha orientación semanal con actividades especialmente programadas para eles.

ESTALMAT comezou na Comunidade de Madrid e actualmente existe en Galicia, Cataluña, Andalucía, Canarias, Castela e León (provincias de Burgos, Segovia, Valladolid e León) e Valencia. Conta co aval científico da Real Academia de Ciencias Exactas Física e Naturais, sendo o seu responsable Amable Liñán, Premio Príncipe de Asturias de Investigación. Ademais do financiamento da Fundación Vodafone España dende hai seis anos conta con axudas do CSIC e en Galicia, ademais, da Consellaría de Cultura e Educación e Ordenación Universitaria, das Deputacións da Coruña e Lugo e neste curso tamén da FECYT.

O proxecto ESTALMAT-Galicia comezou a implantarse en 2007 pilotado pola Facultade de Matemáticas da USC. Está organizado por un comité de dez especialistas que preside o catedrático de Matemática Aplicada Juan Viaño Rey, e na actualidade conta cun equipo docente de 40 persoas da Universidade e do ensino medio que cada sábado se reúnen cos novos talentos para traballar e divertirse coas matemáticas. Actualmente en Galicia mantense un programa específico de continuación para o alumnado que acaba os dous primeiros anos, continuando dous máis con actividades durante 6 sábados cada ano.

Fonte: xornal.usc.es