Oficina CEER
 01-02-2013
ALERTAN NA USC DO BAIXO INVESTIMENTO EN I+D NA UNIÓN EUROPEA

Só 37 das 272 rexións consideradas cumpren co obxectivo do 3% de investimento en I+D, segundo o informe do proxecto europeo SIESTA que dirixe o profesor Rubén Lois.

A Unión Europea está perdendo terreo en investigación e innovación fronte ás economías competidoras. Así o confirman os investigadores do proxecto europeo SIESTA -Indicadores espaciais para unha Estratexia Europa 2020; Análise Territorial- que se reúne esta tarde na Facultade de Xeografía e Historia da USC para pór en común os seus últimos resultados.

Como explicarán na xuntanza, só 37 das 272 rexións consideradas cumpren co obxectivo do 3% de investimento en I+D. Ademais os expertos advirten de que algunhas rexións fortemente golpeadas pola crise como Irlanda ou o Norte de España están sufrindo xa unha fuga de cerebros. No tocante á educación básica (medido a través da taxa de abandono), os niveis son “moi preocupantes e inaceptables en case todas as rexións de Europa”, destacando na parte inferior da táboa Turquía e moitas das rexións da Península Ibérica, incluída Galicia.

Os xeógrafos e expertos territoriais do grupo de investigación Análise Territorial da USC (ANTE) son os encargados de coordinar, co profesor Rubén Lois á fronte, o equipo europeo que está a elaborar o atlas das rexións da UE fronte á Estratexia 2020 que a Comisión Europea deseñou en 2010 como plan xeral para a saída da crise aplicable ao conxunto dos países comunitarios. E aínda que no estudo se aprecian enormes diferenzas nos niveis de crecemento entre as rexións e cidades, cunha marcada división este-oeste pero tamén norte-sur, o grupo aprecia que os territorios orientais están facendo un “notable esforzo” de maneira que no conxunto rexional as disparidades no PIB per cápita se están reducindo desde a década dos noventa.

O estudo pon de manifesto tamén que o desemprego está golpeando rexións moi diversas de Europa, especialmente cara ao sur, debido aos sectores económicos que prevalecen nesas áreas e ás políticas actualmente vixentes. “Desafortunadamente –apuntan– as previsións non din que se vaia inverter esta tendencia”. A aprendizaxe permanente, incluída a educación superior, “podería ser unha solución, aínda que non parece fácil dadas as desigualdades territoriais”.

Identificar oportunidades.
O principal obxectivo do proxecto é apoiar políticas en relación coa cohesión territorial e o desenvolvemento harmonioso do territorio europeo. En concreto, busca proporcionar datos evidentes sobre o territorio para a identificación de oportunidades para os diferentes tipos das rexións en relación cos obxectivos e as iniciativas emblemáticas que figuran na Estratexia europea. Trátase, en definitiva, de que os resultados sexan útiles para quen formule políticas en diversas escalas (especialmente no ámbito rexional e local) no proceso de planificación e identificación de intervencións territoriais.

O proxecto involucra a outros sete socios académicos e de investigación de seis países diferentes de Europa: Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Polonia e Romanía, ademais da compañía MCRIT. SIESTA e está financiado pola Unión Europea no marco de ESPON, a Rede de Observación Europea de Desenvolvemento Territorial e Cohesión.

A xornada.
O seminario, que comeza ás 17.30 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Xeografía e Historia, conta coas intervencións de Rubén Lois, Valerià Paül, Carlos Macía, Alejandra Feal e María José Piñeira. Entre todos explicarán a Estratexia Europea 2020 e ofrecerán os resultados referidos a crecemento intelixente, sostible e integrador.

Fonte: xornal.usc.es