Oficina CEER
 07-02-2013
FRANCISCO HERRERA FALA HOXE NO CITIUS SOBRE MÉTODOS DE COMPUTACIÓN INSPIRADOS NA NATUREZA

O catedrático de Granada é un dos investigadores mais recoñecidos no eido da intelixencia computacional.

O deseño e a aplicación de métodos de computación que reproducen ou imitan os principios biolóxicos da natureza dan lugar á área de intelixencia artificial coñecida como "Computación bioInspirada". Sobre ela falará este xoves 7, ás 18.00 horas no CiTIUS, o catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Granada, Francisco Herrera.

Moitos dos sistemas de intelixencia artificial dos que dispomos na actualidade foron deseñados emulando modelos presentes na natureza. Perante as esixencias da súa contorna, os seres vivos e os organismos biolóxicos víronse na obriga de desenvolver os seus propios sistemas de resolución de conflitos, que tenden a ser (a diferenza do enfoque tradicional da enxeñaría humana) adaptables, distribuídos e cooperativos. Entre estes modelos atópanse os algoritmos baseados na colaboración entre xentes (como colonias de formigas, ou nubes de partículas) e os algoritmos xenéticos. De todos eles estes últimos son os máis coñecidos e estudados, polo que a conferencia de Herrera se centrará principalmente en dúas das súas variantes: a programación xenética e os algoritmos xenéticos multiobxectivo.

A conferencia servirá para presentar, ademais, algunhas das aplicacións no campo da predición a partir de datos, como a obtención das leis da natureza mediante o uso da programación xenética ou aquelas aplicacións relacionadas coa predición de series temporais.

Francisco Herrera.
Cun Índice H de 46 (sistema de avaliación que mide a calidade profesional da comunidade científica), Herrera está considerado coma un dos investigadores mais recoñecidos no eido da intelixencia computacional. Dirixiu numerosos proxectos de investigación centrados no desenvolvemento de técnicas e aplicacións nesta área, publicando asemade 170 artigos en revistas internacionais. Forma parte do comité editorial de varias revistas científicas de prestixio, e na actualidade dirixe o grupo de investigación "Soft Computing e Sistemas de Información Intelixentes" da Universidade de Granada (http://sci2s.ugr.es).

Fonte: xornal.usc.es