Oficina CEER
 08-02-2013
AUMENTA O NÚMERO DE ALUMNOS EXTRANXEIROS NA UDC

A Universidade da Coruña aumentou este curso os datos de alumnos estranxeiros que elixen os campus coruñeses e ferroláns para realizar parte da súa formación académica. En total, recibe este curso 374 alumnos estranxeiros, procedentes de varios programas de mobilidade internacional, o que vén sendo un 14% máis que o curso pasado.

O reitor, Xosé Luís Armesto, e a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación, Natalia Álvarez, recibiron esta mañá ao centenar de estudantes do segundo cuadrimestre de programas Erasmus e de intercambio. O país que máis alumnos envía neste segundo cuadrimestre á Universidade da Coruña é Brasil, con 15; seguido de Italia, con 11; Polonia, 10; Turquía, 8, e México, 7. Por centros, a facultade que recibe máis estudantes neste período é Economía e Empresa, con 27; Filoloxía, 16; e Arquitectura e Turismo con 11 cada unha. Só dous alumnos escolleron centros do campus de Ferrol, un a Escola Politécnica Superior e outro a Escola de Deseño. Polo que respecta, aos alumnos da Universidade da Coruña que decidiron saír estudar fóra este segundo cuadrimestre mantense a cifra con respecto ao ano pasado, 67; mentres que 8 estudantes máis estarán no estranxeiro co programa Erasmus prácticas. Os destinos maioritarios son Alemaña, con 20 estudantes coruñeses; Portugal, 9; Italia, 6 e Brasil con 5. Por centros, a Escola de Camiños, Canais e Portos envía 21 estudantes; Dereito, 14 e Fisioterapia, 7. Segundo explicou o reitor na súa presentación en galego e español aos novos alumnos, a Universidade da Coruña ten iniciado un ambicioso programa de internacionalización, co incremento da súa presenza institucional en foros internacionais para aumentar a visibilidade desta universidade no estranxeiro. Armesto destacou que España era o país preferido para os intercambios europeos pero os alumnos estranxeiros só representaban o 1,7% do seu alumnado de grao, lonxe da media OCDE que está no 6%, e moito máis lonxe aínda do obxectivo da Unión Europea para 2010 que cifra nun 20% a porcentaxe de estudantes que realicen parte da súa formación universitaria noutro país.

Pola súa banda, a vicerreitora Natalia Álvarez deu a benvida aos novos alumnos nun discurso en español e inglés, e agradeceulles que elixiran a Universidade da Coruña para completar a súa formación universitaria. Álvarez animounos ademais a participar nas actividades culturais e deportivas que ofrece a universidade aos seus alumnos e que se contemplan dentro do que denominou a formación integral do alumnado. Ademais, convidounos a coñecer a realidade cultural galega e a disfrutar da súa estancia na Coruña e en Ferrol.

Fonte: udc.es