Oficina CEER
 01-04-2013
O ÉXITO DOS GRANDES EVENTOS DEPORTIVOS NACE DA CONFIANZA, DA UNIDADE E DO REALISMO

Confianza nas capacidades propias, unidade de todos e realismo á hora de avaliar as posibilidades. Estes son para Mario Rigau, de Global Approach e expresidente executivo de Tarragona 2017, os retos que deben enfrontar os promotores de calquera gran cita deportiva e as súas claves de éxito. Pola súa experiencia neste eido, Rigau foi o encargado este venres de inaugurar as sesións do Curso de organización e desenvolvemento de eventos deportivos: as chaves do éxito, que organiza os días 22 e 23 de marzo e o 5 e 6 de abril o grupo de xestión económica do deporte da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense.

Esforzos e compensacións.
“O primeiro reto para optar e conseguir organizar un grande evento deportivo é superar os medos e as pantasmas propias. Se nunha cidade hai o potencial pero non hai a confianza estamos ante un grande impedimento, porque as actitudes económicas, políticas e sociais van ser negativas. Como se supera isto? Pois normalmente coa "conxura" dunha serie de persoas, líderes en diferentes eidos, que din que agora ou nunca, vamos a arriscarnos”, explicou Rigau, que salientou a importancia desta decisión polos elevados riscos que asumen os seus promotores.

Sen embargo, esta confianza non debe levar a enganos, e outros dos retos que apuntou este experto é que os promotores e organizadores dun acontecemento deportivo “se axusten á propia realidade”, para non equivocarse no deseño da acción e non realizar unha actuación que remate sendo un lastre, “como lle ten pasado a tantas cidades”. O proxecto e o evento, advertiu, teñen que “axustarse á realidade” e dispoñer dos recursos económicos e organizativos necesarios. Por último, comentou o expresidente executivo de Tarragona 2017, outro dos factores fundamentais para que teña éxito unha candidatura e a celebración dun evento destas magnitudes é conseguir xerar unidade arredor da idea, a unidade do sector político, o económico, o cidadán e de todos os demais implicados. “Facer piña é moi difícil, sempre hai voces diverxentes, pero hai que conseguir que sexan converxentes”, subliñou.

Organizar un evento deportivo destacado, explicou, é un inxente esforzo antes, durante e despois que unha vez celebrado tamén deixa un legado. “Antes o que importaban eran os legados tanxibles que deixaban estas citas, como infraestruturas ou instalacións, pero agora está gañando peso o legado intanxible, a imaxe de marca que crean da cidade, a promoción turística que supoñen ou por exemplo os negocios que xorden ao seu abeiro”, dixo este experto. Por último, Rigau recoñeceu que á hora de obter ou non a celebración dun evento deste tipo están en xogo outras variables xa non controlables pola organización e ás que os promotres da iniciativa deben aterse. “O caso da candidatura de Madrid para acoller as Olimpíadas en 2012 foi, por exemplo, unha clara inxustiza”, comentou.

Maratóns, sendeirismo, rally e moito máis.
Alén desta intervención, o Curso de organización e desenvolvemento de eventos deportivos: as chaves do éxito, organizado por Ángel Barajas e Patricio Sánchez, acolleu este venres a inauguración oficial do evento, coa participación de Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Ángel Barajas, coordinador do Máster en Xestión do Deporte da Universidade de Vigo, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, e as conferencias de Manuel Rodríguez sobre OcioOurense 2013 e de Adolfo de la Rúa sobre o rally desta cidade. Xa o sábado será o momento de afondar na Marathon du Médoc vs. Behovia, con Juan José Molinos, docente da Universidade de Vigo; na Marathon des Sables, con José García-Calvo Willy, responsable das rutas culturais da Universidade de Vigo; Ana Guede, doutora do Hospital Meixoeiro de Vigo, e Antonio Molina, docente da Universidade de Vigo, e no campionato do Mundo de Natación Barcelona 2013, da man de Fernando Carpena, presidente da Federación Española de Natación.

Fonte: duvi.uvigo.es