Oficina CEER
 02-04-2013
PROXECTO ESPON “SIESTA”: CONFERENCIA FINAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

O próximo 4 e 5 de abril de 2013 celebrarase a Conferencia Final do proxecto SIESTA: Spatial Indicators for a “Europe 2020 Strategy” Territorial Analysis no Centro de Estudios Avanzados (CEA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O proxecto (www.siestaproject.eu) está liderado pola USC a través do grupo de investigación de Análise Territorial (ANTE). O profesor Rubén C. Lois coordinou a investigación en calidade de director do grupo ANTE. Forman parte da rede como socios o CNRS (Francia), a Universidade “Adam Mickiewicz” de Poznan (Polonia), a Universidade de Reggio Calabria “Mediterranea” (Italia), a Universidade Aberta Helénica (Grecia), o CICADIT da Universidade de Bucarest (Romanía), o University College de Dublín (Irlanda) e a consultora MCRIT (España).

O obxectivo de SIESTA é coñecer como as distintas rexións europeas responden á Estratexia 2020 de crecemento da Unión Europea (EU2020S). O principal resultado consistiu no desenvolvemento dun Atlas das rexións da UE fronte á EU2020S, como plan xeral para a saída da crise aplicable ao conxunto dos países comunitarios.

Os resultados alcanzados difundíronse entre os policy-makers de varias rexións europeas para que sirvan como base para as súas políticas públicas. Ao mesmo tempo, servirán á Comisión Europea para mellorar o deseño tanto das políticas rexionais e de cohesión como da Política Agraria Común (PAC), pesqueira (PPC), ambiental, industrial, de innovación e inclusión.

SIESTA está financiado polo Programa ESPON 2013 (European Observation Network for Territorial Development and Cohesion) da UE, cunha aportación de 400.000 €. Este programa está financiado polo fondo FEDER e interesa aos 27 países da Unión máis Islandia, Liechtenstein, Noruega y Suíza.

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Axenda