Oficina CEER
 04-04-2013
A UDC IMPLANTARÁ ESCRITORIOS VIRTUAIS NAS AULAS, LABORATORIOS E DESPACHOS

A Universidade da Coruña comezará a implantar escritorios virtuais, logo de que o reitor, Xosé Luís Armesto, e o representante da empresa Inycom, Gabriel Barreiro, asinasen un convenio ao respecto esta mañá.

Nunha primeira fase acometerase a implantación de mil escritorios virtuais que darán servizo a profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos, pero o proxecto está pensado para poder soportar ata 4.000 postos. Os escritorios virtuais permitirán que o usuario acceda aos datos do seu ordenador a través de calquera dispositivo electrónico e en calquera lugar sen ter que estar presencialmente diante do seu computador. Os datos de cada usuario estarán gardados nun único servidor central aos que se poderá acceder desde calquera lugar en que se encontre o usuario.

Esta infraestrutura, explicou o reitor, permitirá á Universidade da Coruña “a actualización e modernización dos dispositivos electrónicos nas aulas, nos laboratorios e nos despachos facilitando o acceso ao estudantado e ao persoal aos seus datos”. Pola súa parte o representante da empresa Instrumentación y Componentes SA, comentou que estes contornos estaban cada vez máis demandados por sectores nos que se require un acceso rápido e áxil aos datos, xa que isto permite que, por exemplo, un profesor poida acceder de forma inmediata ao seu escritorio desde a aula en que está dando clase.

No acto de firma do convenio estaba presente tamén o director do proxecto David Torres quen resumiu as vantaxes que terá a implantación dos escritorios virtuais: dispoñibilidade, accesibilidade e seguridade. Torres sinalou que a cuestión da seguridade dos datos era importante ao estar centralizados nun único servidor central. Ademais, suporá un aforro enerxético, xa que o consumo de cada equipo pasará de 125 a 15 vatios por equipo. O aforro será tamén, xa que logo, económico ao engadir tamén o menor mantemento dos equipos informáticos.

Fonte: udc.es