Oficina CEER
 05-04-2013
DOUS INTENSOS DÍAS PARA ARREPOÑERSE CON ARGUMENTOS Á VIOLENCIA SIMBÓLICA E CULTURAL

Nun curso organizado polo Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias.

O primeiro relatorio tratou de desenmascarar múltiples acusacións contra a linguaxe inclusiva.

Nas vésperas do 8 de marzo de 2012, o pleno da Real Academia Española aprobou un informe redactado por Ignacio Bosque no que se criticaban as directrices contidas en nove guías sobre linguaxe non sexista en castelán elaboradas por comunidades autónomas, sindicatos e universidades. Concluía o texto que, de se aplicaren estritamente as recomendacións destas guías, non sería posible falar. Desenmascarar esta acusación contra a linguaxe inclusiva e demostrar que se trata dunha falacia que se suma a outras afirmacións frecuentes que tratan de confundir sobre o verdadeiro propósito do uso non sexista da linguaxe é un dos obxectivos das Xornadas de Formación en Xénero: violencia simbólica, violencia cultural, que hoxe botaron a andar na Facultade de Filoloxía e Tradución baixo a batuta do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias da Universidade de Vigo.

Ao longo de dous intensos días, hoxe xoves e mañá venres, estanse a levar a cabo múltiples sesións de carácter teórico e práctico coas que explicar o concepto de violencia simbólica “no que se sustenta a cultura discriminatoria nas sociedades patriarcais”, subliñou a profesora Belén Martín Lucas, directora da actividade, que destacou tamén a importancia de analizar a presenza da violencia simbólica en diversos modos de representación cultural: desde os cómics ao cinema, da música pop aos videoxogos, da prensa á linguaxe en xeral … Xunto a Martín Lucas, asistiron á apertura do curso a directora da Unidade de Igualdade, Anabel González Penín, e a decana da facultade, Rosa Pérez, que non dubidaron en felicitar ás integrantes do Feminario “por axudar a contribuír con este tipo de actividades de formación a unha sociedade máis xusta e igualitaria”, subliñou a responsable de Igualdade, ao que a decana do centro engadiu que se trata “dun pequeno gran de area máis co que, pouco a pouco, ir conseguindo unha cota máis ampla de igualdade entre homes e mulleres”.

A linguaxe non sexista “non é contraria á economía da linguaxe”
Olga Castro, profesora de Estudos de Tradución na Aston University en Birmingham e integrante do Feminario, foi a encargada de abrir as xornadas cun relatorio centrado na linguaxe non sexista como forma de violencia simbólica. O obxectivo: evidenciar que a linguaxe non sexista “non é contraria á economía da linguaxe, que non é antinatural, que non ten que ver co politicamente correcto, que non é cuestión de opinión, que non inventa palabras...”, subliñou, ao tempo que recalcou que “o feito de que algunhas mulleres declaren non sentirse discriminadas non significa que en realidade non o estean a ser”. Logo de argumentar o papel fundamental que a linguaxe inclusiva está chamada a desempeñar no avance cara a unha sociedade igualitaria ofreceu diversos exemplos reais da posta en práctica da linguaxe non sexista en galego e castelán.

A través de xogos e diversas actividades “máis prácticas”, a experta tratou de preparar ás asistentes ao curso para ser quen de percibir os diferentes mecanismos de discriminación simbólica que operan a través da linguaxe habitual, “de albiscar o potencial transgresor e transformador da linguaxe feminista e arrepoñerse con argumentos convincentes contra as falsas acusacións que decote se fan contra a linguaxe inclusiva”.

Violencia simbólica na publicidade, na creación das novas iconas da música pop, nos videoxogos, na tradución... son outros dos temas que se tratarán nas xornadas ao longo destes dous días.

Sae do prelo Feminismos
Xunto a Olga Castro, que combina o labor académico e docente co activismo pola causa feminista e dos estudos galegos, participará tamén nas xornadas, neste caso mañá venres, a tradutora e intérprete María Reimóndez. Participan xuntas nas xornadas na mesma semana na que saíu do prelo, editada por Xerais, a monografía Feminismos, unha obra de divulgación que percorre as principais correntes de pensamento e acción feminista mundiais e que asinan de maneira conxunta Castro e Reimóndez “dúas persoas moi ligadas ao Feminario e das que nos sentimos tremendamente orgullosas”, salientou Belén Martín Lucas, que se referiu a Castro como “un exemplo máis da fuga de cerebros que estamos a sufrir no noso país”.

Fonte: duvi.uvigo.es