Oficina CEER
 09-04-2013
A COMPAÑÍA FARMACÉUTICA VIRBAC INTERÉSASE POLA INVESTIGACIÓN EN SANIDADE VETERINARIA DESENVOLVIDA NA USC

Máis de vinte representantes de grupos de investigación da Universidade de Santiago pertencentes á area de saúde animal e outras ramas afíns acaban de celebrar unha xuntanza con representantes da compañía farmacéutica veterinaria Virbac. Organizada pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) no edificio Emprendia, o obxectivo foi coñecer tecnoloxías que poidan ser de interese para as liñas de negocio de Virbac, así como identificar os distintos grupos de investigación da USC que traballan en sanidade veterinaria á busca de posibles colaboracións.

A xuntanza foi valorada de forma moi positiva polos investigadores da USC e polo doutor Benoît Chatrenet, representante de Virbac, quen mostrou o seu compromiso de avaliar varias tecnoloxías pertencentes aos grupos asistentes, co fin de atopar puntos de encontro que dean lugar a colaboracións de desenvolvemento e transferencia tecnolóxica.

As áreas de interese de Virbac inclúen novas formulacións aplicables á industria veterinaria, así como tecnoloxías de diagnose e estratexias tanto preventivas como terapéuticas aplicables a enfermidades infecciosas en animais, en especial vacinas, e coas enfermidades parasitarias. Como explicou Benoît Chatrenet, unha nova área de interese na empresa é a acuicultura, eido no que ten previsto investir e expandir a súa carteira de produtos nos próximos anos. Como se puxo de manifesto no encontro, a USC podería representar un potencial colaborador para a empresa grazas aos diversos grupos da universidade expertos neste sector.

A empresa Virbac foi fundada en 1968 en Carros, preto de Niza, polo doutor en Veterinaria Pierre-Richard Dick. Tras 40 anos de crecemento e evolución, Virbac segue a ser hoxe en día un laboratorio dedicado exclusivamente á saúde animal. A súa cifra de negocio en 2010 foi de 572,8 millóns de euros, situándose entre os dez primeiros laboratorios farmacéuticos veterinarios no mundo. Virbac está presente en máis de 100 países,con preto de 30 filiais e máis de 3.150 colaboradores.

Fonte: xornal.usc.es