Oficina CEER
 25-04-2013
A ESCOLA DE NÁUTICA ACOLLE UNHA CONFERENCIA SOBRE NAUFRAXIOS

A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña promove un ciclo de conferencias organizado en colaboración co delegado en Galicia da Real Liga Naval Española, José Manuel Pato González. O primeiro relatorio sobre os naufraxios terá lugar mañá xoves, 25 de abril, ás 18:30 horas, a cargo do escritor e investigador Rafael Lema Mouzo e do arqueólogo submarino Miguel San Claudio Santa Cruz. O acto completarase cunha exposición de pinturas de coñecidos barcos afundidos da pintora Rosa Pereda titulada Estudo Previo a Exposición.

O obxectivo conxunto é promover a protección do patrimonio cultural somerxido nas nosas costas e abrir as portas da escola á cidadanía en xeral. O edificio da ETS de Náutica e Máquinas, xestada no século XVI, é coetánea da escola sevillana e o desenvolvemento das cartas mercator. Así, afunde as súas raíces nos vellos gremios de mareantes que tripularon gran parte dos navíos que conforman os pecios que deben ser protexidos polo seu enorme valor cultural e como un recurso que non só debe xerar autoestima, senón tamén fonte de riqueza.

A ETS de Náutica e Maquinas e a Real Liga Naval Española unen as súas forzas para defender o noso patrimonio ao tempo que promocionan e reivindican o protagonismo que se merece a institución coruñesa onde se formaron inxentes xeracións de profesionais que teñen prestado e prestan os seus servizos en todos os mares do mundo e baixo os pavillóns das navieiras máis prestixiosas.

Fonte: udc.es