COMEZA UN CICLO DE CINEMA CATALÁN NA USC NO QUE PARTICIPAN OS DIRECTORES MARCELLÍ ANTÚNEZ ESTEVE RIAMBAU
A Área de Filoloxía Catalá da USC organiza a terceira edición do seu ciclo de cinema, nesta ocasión centrado nas difusas e suxestivas relacións co teatro. As proxeccións, os días 30 e 31 de maio, serán todas en versión orixinal –castelán e catalán subtitulado– e terán lugar no auditorio do CGAG. Aínda que a entrada é libre a cada proxección e charla, a asistencia ao encontro poderá ser certificada como seminario de 20 horas.
O ciclo inaugúrase este xoves 30 ás 19.00 horas cun relatorio de Marcel·lí Antúnez, figura senlleira da arte electrónica e a experimentación escénica ademais de co fundador de La Fura dels Baus, e a proxección da súa obra ‘El dibuixant’. A sesión continúa ás 21.00 horas con ‘El peix Sebastiano’, do mesmo autor. Ao remate Antúnez conversará co público asistente sobre a súa produción cinematográfica.
O venres 31 comeza ás 10.30 horas coa proxección de ‘Numax presenta’, de Joaquim Jordà, ao que lle seguirá un relatorio sobre o universo teatral deste autor catalán –que xa estivera presente na edición de 2011– a cargo do profesor de Historia do Cinema da USC e secretario do Centro de Estudos Fílmicos, Xosé Nogueira Otero. Ás 16.00 horas será a quenda do outro documental de Jordà, ‘Veinte años no es nada’, nos que reconstrúe a experiencia vital de autoxestión dos traballadores da fábrica Numax en pezas nas que o teatro é incorporado como recurso narrativo.
Finalmente, ás 18.30 horas proxectarase ‘Màscares’, de Elisabet Cabeza e Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, unha obra que invade o reservado espazo entre bastidores do actor Josep M. Pou na preparación dunha das súas personaxes, a de Orson Welles. A este acto asiste o propio Riambau, que logo participará na mesa redonda coa que se clausurará (ás 21.00 horas) o ciclo e na que tamén participan Marcel·lí Antúnez, Xosé Nogueira e o catedrático de Historia do Cinema da USC, Ángel Luis Hueso.
‘Intermedialidades: teatro no cinema catalán’, organizado polas profesoras da Área de Filoloxía Catalá e polo profesor Anxo Abuín da Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, conta coa colaboración do Centro de Estudos Fílmicos da USC (Cefilmus) e o apoio do Institut Ramon Llull, a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua e o Centro Galego de Arte Contemporánea.
Fonte: xornal.usc.es